Peche parcial do Metropolitano durante tres partidos polos incidentes no derbi
Peche parcial do Metropolitano durante tres partidos polos incidentes no derbi
O peche afectará a parte da bancada baixa do fondo sur, e o Comité tamén multa o Atlético con 45.000 euros
O Comité de Disciplina da Federación Española de Fútbol sancionou o Atlético de Madrid co peche parcial do seu estadio durante tres partidos polos incidentes do derbi da oitava xornada de Liga contra o Real Madrid, partido que foi suspendido temporalmente polo lanzamento de obxectos.
O peche afectará a parte da bancada baixa do fondo sur desde onde que se fixeron os lanzamentos ao porteiro madridista Thibaut Courtois. O Comité tamén multa o club con 45.000 euros por infraccións moi graves. "Aínda que se trate da acción dunha parte nada representativa dos afeccionados do club, por parte do Atlético de Madrid non se adoptaron as medidas para previr uns incidentes tan graves na propia acción multitudinaria e as medidas adoptadas non foron as axeitadas para un partido de especial rivalidade", asegurou o Comité na súa resolución.
"Aínda cando se tratase de obxectos de pequeno tamaño non hai dúbida de que son susceptibles de causar algún tipo de lesión tendo en conta a distancia desde a que algúns obxectos foron lanzados", apuntou o mesmo escrito. "Os feitos resultan inaceptables e non poden admitirse as alegacións do Club Atlético de Madrid respecto de calquera tipo de actos anteriores que non resultarían en ningún caso susceptibles de xustificar estes".
Contra esta decisión cabe interpoñer recurso diante do Comité de Apelación nun prazo máximo de dez días hábiles. O Atlético está estudando se o presenta.
No Goberno, tanto a ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes Pilar Alegría coma o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD) José Manuel Rodríguez Uribes apuntaron á adopción de sancións severas para os responsables dos feitos, una vez recompilada toda a información.