A Xunta di que evitou unha multa millonaria ao investir 30 millóns na ría de Pontevedra
A Xunta di que evitou unha multa millonaria ao investir 30 millóns na ría de Pontevedra
A conselleira Ethel Vázquez destaca que este investimento permitiu frear o procedemento sancionador iniciado pola UE por incumprir os parámetros de depuración
O Parlamento rexeita a proposta do BNG para reformar a Lei de saúde de Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que os case 30 millóns que investiu a Xunta desde mediados do 2020 na mellora da ría de Pontevedra conseguiron evitar unha multa millonaria por parte da Unión Europea.
Nunha comparecencia a petición propia realizada no pleno da Cámara galega, Vázquez explicou que estes investimntos paralizaron o procedemento sancionador aberto contra Galicia por incumprimento nos parámetros de depuración.
Na súa intervención, a conselleira informou sobre a estratexia da Xunta para mellorar o saneamento e a depuración das rías galegas, que se marca como obxectivo alcanzar que en 2027 o 100 % das masas de auga estean en bo estado.
O deputado socialista, Pablo Arangüena, acusou a Xunta de traballar máis por "ocultar a contaminación" que por "combatela". O nacionalista Luís Bará reprochou que agora anuncien o obxectivo do 100 % do bo estado das masas de augas para 2027, cando en 2010 fixábano para "2015".
O PPdeG oponse á reforma da Lei de saúde de Galicia formulada polo Bloque
O PPdeG rexeitou a proposición do BNG para reformar a Lei de saúde de Galicia e "blindar" o financiamento dos servizos de atención primaria ata alcanzar 25 % do orzamento sanitario, e acusou o BNG de "manipular os datos".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón dixo que o PP é "o cabalo de Troia da sanidade privada" no sistema público ao poñer a Xunta "a tarxeta bancaria por encima da tarxeta sanitaria", polo que considerou que "non é un Goberno decente" e denunciou que acabado coa "tranquilidade" da cidadanía, que agora ten "medo a enfermar".
O deputado do PPdeG Alberto Pazos acusou o BNG de "enganar e manipular os datos" e negou recortes orzamentarios. De feito, afirmou que agora se destinan aos servizos de atención primaria 1.526 millóns de euros, 90 máis que co anterior Executivo, cando eran 1.436 millóns de euros.
Pazos atribuíu ao BNG unha estratexia sobre a situación sanitaria baseada na "triloxía da confusión, o boato e o insulto" e anunciou que precisamente para "desmontar o seu último boato" a xerente do sistema de saúde público galego Sergas, Estrella López-Pardo, solicitou comparecer no Parlamento autonómico.
O BNG reclamou onte a comparecencia en sede parlamentaria da dirixente do Sergas, un órgano dependente da Xunta, sobre un potencial "conflito de intereses" despois de que o seu irmán, Manuel López-Pardo, fose nomeado director xerente da asociación de hospitais privados galegos Ahosgal.
A proposición do BNG rexeitada expuña "blindar por lei" destinar ao financiamento dos servizos de atención primaria o 25 % do orzamento sanitario, tal e como recomenda a ONU, segundo Pontón, quen destacou que actualmente en Galicia se destina un 11,6 % a este nivel asistencial, "2,3 puntos menos que a media estatal".
Pontón cualificou a situación de "gravísima" porque en Galicia o custo da atención sanitaria é maior debido á dispersión e o envellecemento da poboación.
O PSdeG apoiou a proposta do BNG, que resultou rexeitada polos votos en contra do PPdeG, maioritario na Cámara galega, e o deputado socialista Julio Torrado sumou aos "recortes" e a "precarización" tamén o "desprestixio" da atención primaria, para concluír que este nivel asistencial está "ao límite" e nunha situación "irreversible se non se fai nada".