Portugal reduce a cinco os falecidos polos incendios
Portugal reduce a cinco os falecidos polos incendios
Hai ademais 118 feridos, dez deles graves
A Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil (ANEPC) lusa informou este mércores de que son cinco os falecidos polos incendios que arrasan Portugal esta semana, dous menos que os inicialmente notificados, mentres que os feridos ascenderon a 118, 10 deles graves.
O comandante nacional da ANEPC, André Fernandes, explicou nunha rolda de prensa que esta cifra actualizada provén de datos oficiais que lles facilitou o Instituto Nacional de Emerxencia Médica.
Quedan fóra do reconto unha persoa que faleceu na súa vivenda e outra que morreu na vía pública, ambas as de forma "súbita" e sen exposición directa ás lapas.
Así mesmo, hai varias autoestradas e estradas nacionais cortadas e decenas de persoas desaloxadas por precaución.
A melloría do tempo, con menos calor e vento menos intenso, axudou a reducir os incendios activos en Portugal. Pero aínda hai máis de 40 focos que preocupan. Só na rexión de Aveiro, arderon 20.000 hectáreas e máis de 109.000 desde o domingo en todo o país.
248 soldados españois da Unidade Militar de Emerxencias xa están axudando a apagar o lume. Súmanse aos 6 hidroavións enviados por España, Francia e Italia e a outros dous que chegaron este mércores desde Marrocos.
En moitas das localidades próximas ao lume, e mesmo na Universidade do Porto, suspendéronse as clases ou as actividades ao aire libre pola presenza de fume no aire.
5 estradas nacionais seguen cortadas en Viseu e Aveiro, aínda que se restableceu a comunicación ferroviaria nas dúas liñas que estaban interrompidas.
O Goberno luso decretará o estado de calamidade nos concellos afectados. Ademais, todo o país segue en alerta ata a medianoite do xoves, cando se espera que a chuvia axude a volver á normalidade.