Programa Talentos Inclusivos do CITIC: mellorar a vida cotiá das persoas con parálise cerebral
Programa Talentos Inclusivos do CITIC: mellorar a vida cotiá das persoas con parálise cerebral
Usuarias e usuarios propóñenlles retos cotiáns a alumnos de tecnoloxía de bacharelato
Os participantes levan máis de 40 retos solucionados en catro edicións
Malia a mobilidade reducida, María José e Begoña, usuarias da asociación ASPACE-Coruña poden xogar xa a videoxogos con taboleiros adaptados, comunicarse con letras adaptadas e unha morea de tarefas cotiás, posibles grazas ao programa Talentos Inclusivos.
"A nós axúdanos moito aínda que sexan materiais moi sinxeliños, que aquí nos fan moita falta", explica Begoña García Magadán.
David Abuín Carballo estudante de 1º bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña é un dos participantes por segundo ano consecutivo.
"Foi moi satisfactorio ver como empezas, como progresas e ao final o xogo quedou ben e gustoulles moito", expresa David.
O CITIC da Universidade da Coruña reúne alumnos de tecnoloxía de 1º de bacharelato de 15 centros educativos de toda Galicia con persoas con parálise cerebral que lles propoñen retos cotiáns. Eles achegan solucións tecnolóxicas.
A coordinadora de Talentos Inclusivos en ASPACE-Coruña, a educadora social Iria Robles Viqueira, considera que é unha educación esencial en valores que vale para a vida real.
"Faltaba esa parte de estou estudando e vai servir para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral".
A súa profesora de tecnoloxía, Mª Paz Freire Campo, confirma que a moitos despois do programa cámbialles a perspectiva e oriéntanse ao coidado de persoas con discapacidade ou mesmo ao deseño tecnolóxico máis humano.
"Que non necesitan ser grandes enxeñeiros, xa desde o seu coñecemento poden facer moitas cousas que son útiles".
Axiña, usuarias e usuarios de ASPACE-Coruña van poder mesmo escribir ou sinalar palabras grazas ao último trebello chamado licornio que nos explican dous dos estudantes implicados no proxecto, Enrique Rodríguez Naveira e Matvii Pavlenko, ambos de 1º bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña como David.
"Algúns non poden mover as mans, ponse na cabeza e poden nivelalo como queiran"
"A suxeición do licornio ideámola cun casco porque non todos teñen o mesmo tamaño de cabeza".
Talentos Inclusivos abriu esta semana a quinta edición con máis de 40 retos satisfeitos, numerosos recoñecementos e o dobre de centros cos que empezou o que significa un grande éxito do que o CITIC está ben fachendoso no seu obxectivo de fomentar as vocacións STEM, tal como di o seu director científico, Manuel González Penedo.
"Os propios colexios xa están pedindo a ver cando empeza para formar os seus equipos".
Estes rapaces de 15 anos están a demostrar que é posible construír entre todos unha sociedade máis inclusiva e accesible que non deixe ninguén fóra.