Reábrese o caso da violación dunha moza nas festas do Porriño en xullo de 2023
Reábrese o caso da violación dunha moza nas festas do Porriño en xullo de 2023
O xulgado de instrución 2 do Porriño ordena o cotexo de perfís de ADN atopados na roupa da vítima
O xulgado de instrución 2 do Porriño (Pontevedra) ditou un auto en que ordena a práctica dunha nova dilixencia no caso da moza que foi violada en xullo de 2023, durante a celebración das festas de San Campio no Porriño.
Pide que se reabra a causa para cotexar o ADN do seme achado na roupa da vítima e outros perfís atopados en diversos indicios que foron analizados polo Instituto Nacional de Toxicoloxía.
"A vítima, antes de poñer a denuncia, por recomendacións da Garda Civil, foi ao hospital Álvaro Cunqueiro. Alí a forense recolleu todo tipo de mostras. Analizáronse e detectáronse en febreiro deste ano restos, tanto na zona vaxinal como na perianal, na braga e no vestido, de seme", explica Paula Diéguez, avogada da acusación particular.
Malia isto, a identificación dos culpables ten as súas complicacións.
"Os datos que nos dá a vítima das persoas que cometeron os feitos refírense a mozos de entre 20 e e 22 anos. Entón é dubidoso que o ADN estea na base de datos da policía. Por que? Porque significaría que xa cometeron outros delitos. Ao ser tan novos é difícil"
Este caso fora arquivado polo xulgado e, de feito, non se puido identificar os dous homes que participaron na agresión sexual a esta moza de 19 anos. No seu momento, a Garda Civil difundira os retratos robot dos sospeitosos, pero as pescudas non obtiveron froitos.
Ante a imposibilidade de localizar ningún sospeitoso e sen outros resultados nese momento, o xulgado arquivou o procedemento, pero a chegada dos resultados das probas de ADN fixeron que o xulgado reabra o caso.
A agresión sexual ocurrera entre as 3 e as 4 da madrugada. A vítima, que tiña 19 anos, perdeu de vista os seus amigos durante a festa e comezou a falar con dous mozos, que se ofreceron a acompañala para buscar o seu grupo. De camiño, metérona nun alpendre e violárona. A reapertura do caso dá certa esperanza á vítima e aos seus achegados. Agardan que se faga xustiza.