Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez defende ante Xi Jinping o plan de paz de Zelenski fronte á "guerra ilegal"

Sánchez defende ante Xi Jinping o plan de paz de Zelenski fronte á "guerra ilegal"

O presidente do Goberno reuniuse co xefe de Estado chinés para "relanzar as relacións bilaterais" e asegurou que buscará máis "equilibrio e reciprocidade" na relación entre a UE e A China

Pedro Sánchez canda o presidente chinés Xi Jinping (Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa)
G24.gal 31/03/2023 08:01 Última actualización 31/03/2023 12:45

O xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu este venres fronte o presidente da China, Xi Jinping, a posición do líder de Ucraína, Volodimir Zelenski, e da Unión Europea para lograr a paz en Ucraína e, en concreto, pediu respectar a soberanía e integridade territorial do país.

Tras a reunión co máximo mandatario chinés, Sánchez explicou nunha conferencia de prensa que lle trasladou o apoio de España e da UE ao plan de paz de Zelenzki, e dixo que debe respectarse a "integridade territorial" do país invadido fronte á "agresión ilegal" promovida polo presidente ruso Vladimir Putin.

O presidente do Goberno explicou que se interesou ante Xi sobre a súa postura, tras a súa recente visita a Moscova, pero non desvelou cal é a posición do Goberno chinés ata que este a faga pública. 

"Insistín na importancia de que Ucraína como Estado libre e soberano decida sobre as cuestións que lle afectan", dixo Pedro Sánchez, expresando o apoio español á proposta de paz do presidente Zelenski, "que está perfectamente aliñada coa carta das Nacións Unidas e os seus principios que foron violentados por Putin".

Ao mesmo tempo, convidou o presidente Xi Jinping a que converse co presidente ucraíno para coñecer a súa postura.

Pedro Sánchez durante a conferencia de prensa que pon fin á visita de dous días á China Pedro Sánchez durante a conferencia de prensa que pon fin á visita de dous días á China

O xefe do Goberno español tamén adiantou que España impulsará desde a Presidencia europea no segundo semestre do ano as relacións entre o bloque comunitario e A China buscando un maior equilibrio, transparencia e garantindo a reciprocidade.

Sánchez sinalou nesa conferencia de prensa ao termo da súa visita oficial de dous días á China que no ámbito económico e comercial apostará por "atopar un maior equilibrio nas relacións, respectando as regras do xogo, mellorando a transparencia e garantindo a reciprocidade no acceso aos mercados".

Durante o seu semestre na Presidencia, España "tratará de impulsar as relacións entre ambas as rexións", dixo Sánchez, quen considera que A China e a UE están "chamadas a cooperar ante os retos globais", entre eles a emerxencia climática e o combate contra a violencia e a desigualdade.

Coas miras no reforzo dos nexos económicos e comerciais, o mandatario anunciou que se ampliará a Embaixada española en Pequín cunha nova Consellería de Finanzas e que o Goberno quere apoiar o comercio bilateral con "medidas concretas".

En materia de turismo e cultura, o presidente español asegurou que os representantes de operadores turísticos chineses cos que hoxe se reuniu mostraron "grande interese" pola oferta turística española.

Por iso, confiou en poder recuperar e superar as cifras de visitantes chineses anteriores á pandemia -máis de 700.000 en 2019- e anunciou unha nova convocatoria para este ano do Foro de Turismo España-A China.

No marco da viaxe asináronse así mesmo acordos sobre cooperación deportiva e educación, mentres en materia cultural o Goberno chinés confirmou a Sánchez que as instalacións do Instituto Cervantes en Shanghái pasarán a ter categoría de centro cultural, algo que agora só teñen as de Pequín.

Desta forma, asegurou Sánchez, España converteríase no primeiro país do mundo con dous centros culturais en China, "unha medida sumamente excepcional".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade