Rubén Fernández sofre no inicio do Mundial de MXGP
O vigués foi décimo no comezo do Mundial de motocrós na Arxentina

Empezou o Mundial de MXGP, o campionato do mundo de motocrós. Xa sen Jorge Prado, o seu último campión, que deixou o certame para irse ao AMA Supercrós, onde tampouco pode competir agora por unha lesión.
Tampouco estaba outro dos favoritos, Jeffrey Herlings, pois o neerlandés está igualmente de baixa. KTM notou, e moito, o cambio dun ano para outro. Así, a competición iniciábase en Arxentina, pero nun novo emprazamento, un circuíto en Córdoba. Alí esperaba unha grande asistencia de espectadores, 55.000
Na carreira de clasificación, o dominio foi de Maxime Renaux, que arrasou coa súa Yamaha. Febvre chegou a 3,5 segundos, pero o terceiro, Gajser, xa o foi a máis de 19 segundos, en só 13 voltas. Rubén Fernández terminou décimo.
De sábado para domingo todo cambiou por unhas fortes choivas que alteraron por completo o trazado. Así, a lama predominaba na primeira carreira. Febvre deulle a volta á situación e foi o que mellor se adaptou para vencer por 3.5 segundos a Renaux. Gajser concluíu terceiro. Rubén Fernández finalizou noveno.
Na carreira 2, o galego tivo un toque nos primeiros metros. Isto relegoulle á última posición. Tocaba remontar e fíxoo moi ben para acabar 13º. Renaux impúxose por 4.2 segundos a Febvre, quen contivo a Gajser. Así, a vitoria no Gran Premio da Arxentina era para Renaux, empatado a puntos con Febvre. Rubén foi décimo.
"Realmente, non foi o día que esperaba, pero tentei sobrepoñerme e sumar o maior número de puntos posibles. Pasar do 30º ao 13º é un bo resultado, pero esperaba máis ao vir. Sei que virán carreiras mellores e continuarei loitando para achegarme ás posicións de podio", indicou.
A próxima proba é en España, concretamente en Cózar, no Gran Premio de Castela A Mancha. Será o 15-16 de marzo.