Rueda celebra un ano de goberno reivindicando a marca Galicia Calidade e a "política útil"
O presidente da Xunta pediulles aos conselleiros "pisar o acelerador" no que resta de lexislatura
Debate de política xeral: exame e balance ao primeiro ano de mandato de Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindica a "política útil" e a marca Galicia Calidade das medidas que está poñendo en marcha o seu executivo. Díxoo no acto celebrado este martes na Cidade da Cultura, en Santiago, para facer balance do seu primeiro ano á fronte da Xunta tras as eleccións. Nel pediulles aos conselleiros "pisar o acelerador" no que resta de lexislatura.
O acto arrancou cos testemuños de beneficiarios de axudas da Xunta en materia de educación (matrícula universitaria gratuíta), alugueiro social, apoios ao retorno dos galegos do exterior, Bono Coidado ou investigación. Tras estas intervencións, subiron ao escenario do Gaiás os doce conselleiros e Alfonso Rueda.
O xefe do Goberno galego presumiu das medidas pioneiras que puxeron en marcha nestes meses e reivindicou o "estilo Galicia" de gobernar, con rigor, esixencia e cumprindo a palabra dada, apunta. Alfonso Rueda pídelle ao seu equipo "pisar o acelerador" para o que resta de lexislatura. "Imos seguir traballando con moitísimo orgullo e compromiso, sabendo que se facemos certo ese Galicia Calidade, que ten que ser máis que unha frase, estamos traballando por todos e temos moitísimo futuro", dixo.