O Goberno defende que a visita a Washington de Cuerpo está coordinada coa Comisión Europea
Carlos Cuerpo reúnese este martes co secretario do Tesouro, Scott Bessent, para falar dos aranceis
O PP cre que o ministro de Economía tenta así "arranxar a desfeita" provocada pola viaxe do presidente á China
O Goberno español insiste en que a visita deste martes de Carlos Cuerpo a Washington está coordinada coa Comisión Europea. O ministro de Economía, Comercio e Empresa vai reunirse co secretario do Tesouro, Scott Bessent, que a semana pasada dicía que a visita de Pedro Sánchez á China equivale a "cortar o propio pescozo".
A voceira do Goberno, Pilar Alegría, asegurou que a visita se desenvolve "baixo o paraugas da máis absoluta normalidade" e que estaba pechada antes incluso da visita do presidente do Goberno a Vietnam e á China.
Socios como EH Bildu apoian a estratexia do Goberno nesta guerra de aranceis. Nunha entrevista en Radio Euskadi, a súa voceira no Congreso, Mertxe Aizpurua, apuntaba que "A China é unha potencia mundial e tamén o son os Estados Unidos (...), e hai que falar con todo o mundo".
Non o ve así Vox. Segundo o seu deputado no Congreso José María Figaredo, "a viaxe prodúcese tarde e mal".
O Partido Popular cre que Carlos Cuerpo tenta con esta visita arranxar "a torpeza" do presidente español e frear represalias da administración Trump. Para Cuca Gamarra, o ministro de Economía "está alí tentando arranxar a desfeita que xerou Pedro Sánchez cunha viaxe imprudente e pouco intelixente". Considera, ademais, que é o expresidente José Luis Zapatero o que está marcando a política exterior de España.