Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia anuncia a detención do executor do atentado que matou o xeneral Kirílov

Rusia anuncia a detención do executor do atentado que matou o xeneral Kirílov

Segundo o Servizo Federal de Seguridade (FSB) de Rusia, o arrestado cometeu o atentado por encarga dos servizos secretos de Ucraína, que lle entregaron o explosivo que ocultou nun patinete

Sospeitoso do atentado contra o xeneral Kirílov Sospeitoso do atentado contra o xeneral Kirílov
G24.gal 18/12/2024 09:58 Última actualización 18/12/2024 11:01

O Servizo Federal de Seguridade (FSB) de Rusia informou hoxe da detención do autor material do atentado con bomba que este martes matou en Moscova o tenente xeneral Ígor Kirílov, xefe da defensa radiolóxica, química e biolóxica de Rusia.

Segundo o comunicado do FSB difundido polas axencias rusas, o detido é un cidadán de Uzbekistán nado en 1995, cuxa identidade non foi revelada, que confesou ser recrutado polos servizos secretos de Ucraína.

O detido viaxou a Moscova por encargo dos seus patróns, recibiu un artefacto explosivo de alta potencia e ocultouno nun patinete eléctrico que aparcou xunto á entrada do edificio onde vivía Kirílov, engade o comunicado.

Para vixiar o domicilio do xeneral alugou un coche compartido no que instalou unha cámara de vídeo wifi que transmitía imaxes en directo aos organizadores do atentado, situados na cidade ucraína de Dnipro.

O FSB engadiu que unha vez que o detido viu a imaxe dos militares saíndo do portal do edificio detonou a distancia a bomba que matou a Kirílov e ao seu axudante.

Porta do edificio onde se produciu o atentado (Xinhua-News/Alexander Zemlianichenko jr.) Porta do edificio onde se produciu o atentado (Xinhua-News/Alexander Zemlianichenko jr.)

Ao detido, segundo o comunicado, os servizos secretos ucraínos prometéranlle 100.000 dólares e a posibilidade de instalarse nun país da Unión Europea.

En tanto, a canle de Telegram Baza, considerado próximo aos servizos especiais rusos, difundiu un vídeo presuntamente do interrogatorio do executor do atentado no que un home novo confesa que foi recrutado polos servizos especiais de Ucraína para asasinar o xeneral ruso.

Para o Kremlin o asasinato do tenente xeneral Ígor Kirílov proba que lle asiste a razón no conflito en Ucraína.

"Entendemos perfectamente quen é o noso inimigo e iso (o asasinato de Kirílov) só demostra que nos asiste a razón no marco da operación militar especial", dixo este mércores o portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov.

Agregou que o presidente ruso, Vladimir Putin, presentou as súas condolencias pola morte de Kirílov e congratulouse do bo labor dos servizos secretos rusos.

"Neste caso, os nosos servizos especiais e as forzas da orde traballaron con eficacia e rapidez", aseverou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade