Ucraína reivindica o atentado contra o xeneral ruso asasinado en Moscova
Ucraína reivindica o atentado contra o xeneral ruso asasinado en Moscova
O xefe da defensa química de Rusia morreu ao estourar unha bomba oculta nun patinete eléctrico colocado no portal do seu edificio
Kíiv acusa o xeneral asasinado de ordenar o uso de armas químicas contra militares ucraínos
O tenente xeneral Igor Kirilov, xefe da defensa radiolóxica, química e biolóxica de Rusia, morreu hoxe en Moscova nun atentado con bomba, segundo informou o Comité de Instrución de Rusia (CIR).
A bomba foi accionada cando Kirilov, de 54 anos, saía do seu domicilio acompañado polo seu axudante, que tamén morreu no atentado.
O artefacto explosivo, dunha potencia equivalente a 300 gramos de trilita, achábase nun patinete eléctrico que estaba xunto ao portal do edificio de vivendas, situado no sueste da capital rusa.
Ucraína acusa o xeneral ruso de crimes de guerra e de ordenar o uso de armas químicas contra o exército ucraíno
Ucraína reivindicou o asasinato este martes en Moscova do tenente xeral ruso Ígor Kirílov, xefe da defensa radiolóxica, química e biolóxica de Rusia.
O propio servizo de seguridade declarara un día antes a Kirílov sospeitoso de crimes de guerra por ordenar o uso de armas químicas contra o Exército ucraíno.
Asegura ter documentado máis de 4.800 casos nos que as forzas rusas utilizaron armas químicas prohibidas pola lexislación internacional nas frontes sur e leste do país por orde deste militar.
Segundo o Servizo de Seguridade ucraíno, máis de 2.000 militares ucraínos sofren os efectos producidos polo armamento químico empregado por Rusia.
“Cando as granadas con carga química se activan, os seus compoñentes tóxicos afectan as membranas mucosas da persoa, sobre todo ós ollos e ás vías respiratorias”.
Kirilov, que posuía o título de Heroe de Rusia, tiña previsto reunirse hoxe cun grupo de xornalistas.