Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia ensaia o lanzamento de mísiles nun exercicio de disuasión nuclear

Rusia ensaia o lanzamento de mísiles nun exercicio de disuasión nuclear

Vladímir Putin subliñou a importancia de "contar con forzas estratéxicas modernas que estean permanentemente listas para o seu uso en combate"

Afirmou que a tríade militar é un "garante fiable da soberanía e seguridade" do país

Lanzamento de mísiles no exercicio / Ministerio de Defensa de Rusia
G24.gal 29/10/2024 19:29 Última actualización 29/10/2024 20:10

O presidente ruso, Vladímir Putin, ordenou a celebración este martes de exercicios das forzas estratéxicas de disuasión nuclear co fin de ensaiar o lanzamento de mísiles balísticos e de cruceiro.

"Adestraremos as accións dos mandos para controlar o uso de armas nucleares con lanzamentos de mísiles balísticos e de cruceiro", dixo Putin durante unha declaración transmitida pola televisión rusa.

Putin subliñou que, "valorando o incremento das tensións xeopolíticas e a aparición de novas ameazas e riscos externos, é importante contar con forzas estratéxicas modernas que estean permanentemente listas para o seu uso en combate".

Destacou que a tríade nuclear -mísiles intercontinentais, submarinos atómicos e a aviación estratéxica- segue sendo un "garante fiable da soberanía e seguridade do noso país, o que permite cumprir coas tarefas de disuasión estratéxica".

Ademais, engadiu, tamén permite "manter a paridade nuclear e o equilibrio de forzas no mundo como factores obxectivos da estabilidade global".

Ao mesmo tempo, Putin asegurou que "Rusia confirma a súa posición de principio de que o emprego de armas nucleares é unha medida extrema e extraordinaria de garantía da seguridade".

O xefe do Kremlin insistiu en que Moscova ten intención de seguir perfeccionando todos os compoñentes do seu arsenal nuclear no marco de programa estatal de rearmamento, para o que incrementou enormemente o gasto en defensa desde o comezo da guerra en Ucraína.

Isto incluirá a subministración ás forzas estratéxicas de novos sistemas de mísiles de emprazamento estacionario e móbil que son moitos máis precisos e, ademais, requiren un tempo menor para o seu lanzamento, explicou.

"E, o que é moi importante, con maiores posibilidades de superar os sistemas de defensa antimísiles", engadiu, en alusión ao escudo estadounidense.

Con todo, asegurou que, aínda que Rusia ten intención de fortalecer as súas forzas nucleares con armamento moderno -agora ese indicador é do 94 %-, non pensa verse involucrada nunha "nova guerra armamentista" como lle ocorreu á Unión Soviética.

A finais de xullo pasado Rusia realizou conxuntamente con Belarús manobras nucleares tácticas co emprego de mísiles balísticos Iskander-M.

Recentemente, Putin anunciou a modificación da actual doutrina nuclear despois de que Occidente pensase en permitir a Ucraína utilizar armamento de longo alcance contra obxectivos en territorio ruso.

A nova doutrina contempla o emprego de armas nucleares en caso dun ataque convencional que ameace a soberanía de Rusia e Belarús.

Nestes momentos están estancadas as negociacións entre Rusia e os EUA para a sinatura dun novo START, que expira en 2026 e que é o último tratado de desarmamento estratéxico entre ambas as dúas superpotencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade