O Celta arríncalle un punto ao Barcelona en tres minutos de loucura
O Celta arríncalle un punto ao Barcelona en tres minutos de loucura
Alfon e Hugo Álvarez puxeron as táboas no marcador para os celtistas
Os de Giráldez gozaron de ocasións para conseguir incluso a vitoria
A expulsión de Casadó marcou o final do encontro
O Celta conseguiu empatarlle o partido ao Barcelona en escasos tres minutos e leva de Balaídos un punto importante na súa loita por achegarse a Europa. Na primeira parte, os galegos tiveron un gran número de ocasións, pero non conseguiron transformar en gol ningunha delas. Ilaix, Bamba ou Iago Aspas foron algúns dos xogadores que gozaron de oportunidades para abrir o casilleiro celtista. Sen embargo, foi Raphinha quen, despois dun pase longo de Koundé e dun gran recorte a Mingueza, faría o primeiro gol do partido.
A primeira metade rematou con moita polémica. Gerard Martín, que xa tiña un cartón amarelo, fixo unha entrada moi dura a Iago Aspas e todo Balaídos reclamou a expulsión do canteirán culé. A pesar das reclamacións, o árbitro decidiu non ensinarlle o cartón vermelo e foi Iago Aspas quen recibiu a amonestación polas fortes protestas. A afección comíase ao colexiado e asubiouno ao descanso, cando se retiraba do terreo de xogo.
No minuto 61 da segunda parte, Raphinha deulle un bo balón a Lewandowski, quen cun gran control e anticipación á defensa, fixo o segundo gol barcelonista batindo cun tiro raso a Guaita. Sen embargo, as ocasións do Celta sucedíanse, aínda que o Barcelona seguía a ter as máis claras, incluso cun disparo ao pau de Raphinha.
A falta de dez minutos, Casadó viu o segundo cartón amarelo e o Barcelona quedou con dez xogadores, o que cambiaría por completo o partido. No minuto 84 sería Alfon quen aproveitaría un grave error de Koundé para remachar man a man a Iñaki Peña e acurtar distancias no marcador. Só dous minutos despois, Hugo Álvarez batería de novo ao gardameta barcelonista a pase de Borja Iglesias e poñería o 2 a 2 final. Con este empate, o Celta achégase aos postos europeos e sae tremendamente reforzado da visita do líder a Balaídos.
Minuto a minuto
Menos de media hora para o comezo do partido. O Celta recibe ao líder en Balaídos nun partido que vai poñer a proba as boas sensacións que está tendo o conxunto vigués nesta primeira parte da tempada. Unha vitoria ante os culés colocaría aos galegos moi preto dos tan desexados postos europeos
Claudio Giráldez sae con tres cambios no once en comparativa á última aliñación celeste. Ilaix Moriba volta ao medio do campo, Hugo Álvarez recupera a titularidade e Douvikas será a referencia ofensiva
Tres cambios tamén na aliñación do Barcelona respecto ao último partido de liga antes do parón de seleccións. Gavi comeza como titular, Dani Olmo ocupa o lugar de Yamal e Gerard Martín será o lateral esquerdo
COMEZA O PARTIDO EN BALAÍDOS!!! Xa move o balón o Celta
Primeiro achegamento do Celta que remata en córner. Viu o cartón amarelo Gerard Martín por unha falta na xogada
Que ocasión do Celta! Rematou desviado Aspas despois dun gran centro de Mingueza
Remate desviado coa cabeza de Douvikas a centro de Aspas! Primeiras oportunidades para o Celta
Disparo de Raphinha que golpeou nun defensa celtista e fixo que o balón se paseara pola área pequena. Había fóra de xogo de Pedri
0-1 GOL DE RAPHINHA. Pase longo de Koundé que recibe Raphinha, o brasileiro amaga a Mingueza e bate por abaixo a Guaita
Remate a córner de Hugo Álvarez que se marchou preto do pau da portería
Paradón de Iñaki Peña a un disparo dende lonxe de Ilaix Moriba
Unha máis para o Celta! Esta vez foi Bamba cun remate moi forzado que se marchou alto
Pide penalti Balaídos sobre Aspas! O colexiado di que non hai nada punible na carga de Gerard Martín
Disparo alto de Bamba dende dentro da área culé
Gol anulado a Lewandowski por fóra de xogo. O polaco atopábase lixeiramente adiantado ao último defensa celtista
Boa parada de Guaita a un tiro raso dende fóra da área de Dani Olmo
Reclama o Celta o segundo cartón amarelo para Gerard Martín por unha dura entrada a Iago Aspas. O árbitro decide non expulsar ao culé
Cartón amarelo a Iago Aspas polas protestas pola última acción
Descanso con polémica en Balaídos. Os dous equipos retíranse do campo coa afección asubiando ao colexiado por non ensinar o segundo amarelo a Gerard Martín
Comeza a segunda metade. Entrou Héctor Fort por Gerard Martín no Barcelona
Que preto Iago Aspas!!! Probou sorte o de Moaña dende a metade do campo e a piques estivo de sorprender a Ikañi Peña
Gañoulle Iñaki Peña o man a man a Douvikas. Había fóra de xogo do grego no comezo da xogada
Disparo alto de Raphinha dende fóra da área
Cartón amarelo para Javi Rodríguez por unha falta sobre Gavi
0-2 GOL DE LEWANDOWSKI. Balón de Raphinha para o polaco, que se anticipa á defensa celtista, favorécelle un rebote e remata ao pau longo de Guaita
Iñaki Peña detén un disparo perigoso de Alfon
Tívoa agora Hugo Álvarez!!! Man a man do galego fronte a Iñaki Peña e gañoulle a partida o gardameta do Barcelona. Está téndoas o Celta
Tentouno Mingueza cun disparo de falta dende moi lonxe. Detivo Iñaki Peña sen compricacións
Cartón amarelo para Marc Casadó por unha falta sobre Alfon
Doble cambio no Barcelona. Saen Pedri e Gavi e entran Fermín e De Jong
Ao pau Raphinha! Remate cruzado do brasileiro que Guaita ataxa no rebote
Giráldez fai dous cambios. Saen Fran Beltrán e Douvikas e entran Hugo Sotelo e Borja Iglesias
Disparo moi perigoso de Borja Iglesias no primeiro balón que toca. Parou Iñaki Peña e o galego estaba en posición antirreglamentaria
Expulsado Marc Casadó por dobre amarela! Xogará con dez o Barcelona os dez últimos minutos
Gol anulado ao Celta!!! Salira o balón pola liña de fondo
1-2 GOOOOOOOL DE ALFON. Erro clamoroso de Koundé, que quixo pasarlle o balón a Iñaki Peña, foi frouxo e o celtista rematou a pracer ante Iñaki Peña
2-2 GOOOOOOOOOL DE HUGO ÁLVAREZ. Empata o partido o Celta en dous minutos cun disparo raso de Hugo a pase de Borja Iglesias
Cartón amarelo para Marcos Alonso por cortar un contragolpe
FINAL EN BALAÍDOS. O Celta empátalle o partido ao Barcelona en dous minutos e arríncalle un punto ao líder. Canta a afección o himno do Centenario festexando a fazaña cos xogadores