Simulacro de incendio no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra
Bombeiros e servizos de emerxencias 'tomaron' Campolongo, e evacuaron os funcionarios do complexo
Sorpresa, medo e curiosidade este mércores entre os veciños e os que ían facer xestións no edificio administrativo da Xunta. Os 700 empregados destas instalacións estaban chamados a participar nun simulacro de incendio.
Coordinouno todo Vicente Ferrería, xefe do corpo de bombeiros do Concello de Pontevedra, que relata: "Temos un incendio e vítimas. Un grupo dedícase a localizar o lume para evitar a súa propagación e outro a localizar as vítimas en función da información que nos da o xefe de emerxencias".
O delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, salienta que "a xente que veu, e aos que estaban dentro, a todos nos colleu de sorpresa. Para iso hai unha metodoloxía, para que os grupos de acción os acompañen, lles digan o que teñen que facer, porque son os que menos adestrados están hai que facer".
Un simulacro moi realista en que mesmo os funcionarios se meteron de cheo no seu papel de feridos evacuados. Agora toca avaliar a execución do simulacro e mellorar a casuística para que nada falle en caso dunha emerxencia real.