Starmer recibe mandos militares internacionais para trazar plan de paz en Ucraína
Espérase que representantes de máis de 20 países avancen nos plans dunha posible despregadura de tropas en chan ucraíno
Zelenski acepta a tregua enerxética con Rusia tras falar con Trump

O primeiro ministro británico Keir Starmer celebra este xoves na base militar de Northwood unha reunión a porta pechada con mandos militares da chamada Coalición dos Voluntarios para trazar un plan de paz en Ucraína.
Aínda que Downing Street, a súa oficina e residencia oficial, non confirmou por agora a hora exacta do encontro nin achegou detalles, espérase que representantes de máis de 20 países traten de avanzar nos plans dunha posible despregadura de tropas en chan ucraíno e poñer en marcha un plan de paz que garanta a seguridade futura de Ucraína.
Os líderes militares das nacións que conforman a denominada Coalicion de Voluntarios, liderada polo Reino Unido e Francia, reuniranse na base militar de Northwood para dialogar.
Segundo indicou a Times Radio un secretario de Estado de Defensa do Goberno laborista, Luke Pollard, o encontro internacional de mandos militares é un sinal de que Europa está a reforzarse.
"Somos optimistas en canto a que unindo a xente podemos, tamén, demostrar hoxe aos nosos amigos de Estados Unidos que Europa e os nosos aliados están a obter o que queren ver, reforzando o apoio", dixo o político.
Cuestionado sobre o rexeitamento do presidente de Rusia Vladimir Putin de calquera tipo de acordo forzado por forzas de seguridade occidentais, o secretario de Estado apuntou que o mandatario ruso quere manter débil a Ucraína, porque, polo que vimos no pasado, cando se compromete con acordos de paz, rompe a súa palabra, rompe eses acordos.
Doutra banda, o Goberno de Londres difundiu imaxes dunha non habitual visita efectuada por Keir Starmer a principios desta semana a un submarino nuclear armado británico que acababa de retornar a Escocia dunha longa misión en mar aberto.
O HNS Vanguard estivo a patrullar durante máis de 200 días polo Atlántico Norte, unha das despregaduras máis longas efectuadas por un submarino da Armada Real británica.
En declaracións a reporteiros desde esa nave, Starmer indicou que o Kremlin respecta o arsenal nuclear británico, xa que o Reino Unido conta coa súa propia disuasión nuclear independente e está comprometido coa OTAN.
Pola súa banda, o ministro de Defensa John Healey, que acompañou a Starmer durante esa visita, remarcou o inquebrantable compromiso deste país co sistema de disuasión nuclear do Reino Unido, que cualificou como o garante último da seguridade nacional e da seguridade dos aliados da OTAN.