Os incidentes non cesan no conflito do lixo da Coruña, con máis colectores calcinados
Os incidentes non cesan no conflito do lixo da Coruña, con máis colectores calcinados
Comeza a funcionar o servizo extraordinario de recollida e limpeza contratado polo Concello tras declarar o estado de emerxencia sanitaria
Neste martes de Entroido, os choqueiros que saian á rúa van ter que convivir co lixo que aínda se amorea en moitos puntos da cidade.
É o sétimo día e os incidentes, lonxe de desaparecer, aínda continúan. Esta noite os bombeiros de novo tiveron que saír ata en catro ocasións para sufocar incendios en colectores espallados por distintos puntos da cidade.
Por sorte, o lume non chegou a afectar ningún dos vehículos que estaban estacionados ao seu redor. E houbo rúas onde foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia ata en dúas ocasións.
Comezou a funcionar xa o servizo extraordinario de recollida do lixo e a limpeza viaria que o Concello contratou para que a cidade recupere a normalidade o antes posible, despois de declarar o estado de emerxencia sanitaria.
Algúns vehículos, que non todos, traballan escoltados pola Policía Local. Moitos son equipos desprazados dende outras provincias.
E no medio de todo isto, a indignación é o sentir maioritario entre a cidadanía.
Onde por agora aínda non hai novidade é na investigación que a policía mantén aberta para tratar de dar cos autores destes actos vandálicos e das sabotaxes en máis dunha vintena de vehículos do servizo de recollida do lixo.