Tebas acusa o CSD de descoñecemento profundo e de poñer en dúbida o control económico
Tebas acusa o CSD de descoñecemento profundo e de poñer en dúbida o control económico
Tebas afirmou que hai moitas cousas que sorprenden da medida e sinalou en concreto a celeridade no proceso, "cunha rapidez inusual que non deu lugar a vista nin á Liga nin á Federación"
O presidente da Liga, Javier Tebas, asegurou que a decisión do Consello Superior de Deportes (CSD) de conceder a media cautelar pedida polo Barcelona demostra "un descoñecemento profundo" e parece "ter como obxectivo desmantelar os sistemas que funcionan na Liga e contan co apoio maioritario dos clubs".
Nunha mensaxe nas redes sociais publicada este xoves, Tebas afirmou que hai moitas cousas que sorprenden da medida e sinalou en concreto a celeridade no proceso, "cunha rapidez inusual que non deu lugar a vista nin á Liga nin á Federación", o esquecemento de resolucións anteriores tanto do propio CSD como dos tribunais de xustiza, así como a declaración de falta de competencia da comisión de seguimento do convenio de coordinación de LaLiga e a RFEF.
"Esta decisión demostra un descoñecemento profundo sobre como se xestionan os visados previos e as licenzas case definitivas. Seica non hai acordos previos nestas institucións?", escribiu Tebas nunha mensaxe que titulou como "capítulo 1 desta traxicomedia".
Tamén cuestionou que na resolución do CSD "non se menciona en ningún momento os artigos do regulamento da RFEF que impedían a concesión de licenzas aos xogadores que é a clave do tema e non o control económico" e preguntouse se é "un esquecemento intencionado".