O Barcelona chega a Arabia buscando unha solución para o caso Olmo
O Barcelona chega a Arabia buscando unha solución para o caso Olmo
A oposición do club solicitou a dimisión de Laporta e a súa directiva
Dani Olmo e Pau Víctor seguen adestrando á espera de que solucionen os seus casos. O equipo traballou a porta pechada e horas despois poñía rumbo a Jeddah para disputar a Supercopa. Nese voo chárter viaxaron os dous futbolistas, descartados para o encontro de Copa ante o Barbastro. Ningún dos dous dispón de licenza para xogar.
A súa inclusión na listaxe de convocados apunta a mensaxe para a Liga e a Federación, que denegaron en dúas ocasións a súa inscrición. A documentación requirida para regularizar o fair play non chegou a tempo, fíxoo tres días despois, e os dous organismos impediron a tramitación das fichas dos xogadores apelando á normativa da Federación. Ningún xogador coa licenza cancelada pode volver inscribirse na mesma temporada e equipo. A oposición solicita a dimisión de Laporta e a súa directiva.
O Barcelona mira agora ao Consello Superior de Deportes, institución ante a que presentará un novo recurso este martes e solicitará medidas cautelarísimas. Medios deportivos cataláns apuntan a que o Barça dispón dun informe da Federación favorable á inscrición no que se apelaría á obsolescencia do seu regulamento, en concreto o artigo que impide a tramitación das dúas fichas.
O CSD precisará tempo para estudar o caso e semella complicado que a resolución chegue a tempo para esta Supercopa. Con Olmo e Víctor na dinámica de traballo, Flick viaxa con todo o equipo e recupera pezas importantes para o torneo, como Rapinha. Lamine Yamal e Ferrán Torres, pendentes de recibir a alta médica, poderían estar dispoñibles.