O Parrulo e o Noia apelan ao factor pista para seguiren na Copa
O Parrulo e o Noia apelan ao factor pista para seguiren na Copa
O equipo ferrolán recibe o último campión de Liga e da Supercopa, o Cartaxena
Os noieses contan con máis opcións diante do Zaragoza
O Parrulo Ferrol e o Noia Portus Apostoli están a un só paso de meterse nos cuartos de final da Copa de fútbol sala. En eliminatoria a partido único xogan este martes nos oitavos co factor pista ao seu favor pero diante de dous adversarios moi distintos.
O equipo ferrolán recibirá (19:00 horas) a un dos grandes favoritos para facerse coa competición, o Jimbee Cartaxena. O último campión de Liga e da Supercopa ten todas as papeletas para superar a un conxunto da Segunda División. Pero no Parrulo saben que se hai un torneo no que se poden dar as sorpresas é a Copa, máis cando xoga como local na pista da Malata.
Moito máis igualado é o enfrontamento entre o Noia Portus Apostoli e o Zaragoza (20:45). Os dous equipos, que militan na máxima categoría, pasan por un momento complicado e ocupan prazas de descenso na LNFS. De feito, o Noia é o único conxunto que aínda non acadou ningunha vitoria na competición. Agardan que a Copa sirva para reaccionar e sumar un triunfo que encha de moral o cadro dirixido por David Palmas.