Tebas confirma que a Liga se vai presentar como acusación particular no caso Negreira
Tebas confirma que a Liga se vai presentar como acusación particular no caso Negreira
"Non lle temos teima ao Barça, sábeno Laporta e os seus directivos", sentenciou Tebas
Javier Tebas, presidente da Liga, asegurou que este organismo tamén se presentará como acusación particular no caso Negreira e explicou que "o fútbol español necesita claridade", tras destacar que "a reputación desta competición está por encima e dá o mesmo o club que sexa".
Tebas anunciou a actuación da Liga despois de confirmarse que a Fiscalía presentará unha denuncia contra o expresidente do Barcelona Josep Maria Bartomeu e contra o propio club, polos pagos millonarios ao exdirigente arbitral, e tras a información publicada este mércores polo diario El Mundo sobre unha mensaxe que José María Enríquez Negreira enviou ao Barça, no que aseguraba poder "axudarlles co VAR".
"Moi triste, hai que investigar. Hai que coñecer se había ou non influencia. Porque a influencia pode ser directa ou indirecta. Pero é susceptible de investigar. Só a intención de tentar comprar un partido ou variar o resultado. Simplemente actuar pensando que podías cambiar a intención dos árbitros, incluso unha designación pode ser delito", explicou.
"Está por enriba a reputación da competición. Se alguén intentou facer trampas terá que ter consecuencias"
Tebas desvelou que a Liga denunciou o asunto á UEFA 48 horas despois de que se fixese público.
"Como nós non podiamos intervir porque prescribiu, escribimos á UEFA, cousa que non fixeron outras institucións", sinalou tras lembrar que os estatutos da UEFA prevén que cando as institucións nacionais non poidan intervir eles poidan facelo a nivel internacional.
O presidente daLiga insistiu en que quere que se aclare esta cuestión e en que "non existe ningunha campaña para desprestixiar ao Barcelona" e tamén rexeitou que teña interese en que o club se converta nunha Sociedade Anónima.
"En LaLiga española somos os que loitamos contra os clubs estado. Non lle temos teima ao Barça, sábeno Laporta e os seus directivos", sentenciou.