Todos os aeroportos están operativos e recomendan consultar o estado dos voos ante posibles reprogramacións
Todos os aeroportos están operativos e recomendan consultar o estado dos voos ante posibles reprogramacións
Tan só 300 voos foron anulados dos 6.000 programados en toda España para este luns
Non se produciron grandes aglomeracións e os aeroportos adaptaron os horarios ás necesidades dos pasaxeiros afectados

A situación nos aeroportos españois é de normalidade operativa este martes e o ministro de Transportes, Óscar Puente, confía en que se poidan operar todos os voos deste martes e recolocar aos pasaxeiros afectados polo apagamento masivo que o luns sufriu toda a península desde as 12:30 horas.
Puente afirmou na súa conta da rede social X que o balance operativo do luns é que os aeroportos operaron o 93 % dos voos comerciais e que a totalidade dos voos de longo radio, "que serían os máis problemáticos no caso de cancelación", tamén se operaron, salvo un Barcelona-Filadelfia.
Durante a noite os aeroportos adaptaron os seus horarios ás necesidades dos pasaxeiros e os seus voos reprogramados e non se produciron aglomeracións significativas nas terminais.
En calquera caso, recoméndase aos pasaxeiros consultar coas súas aeroliñas o estado dos seus voos e verificar o funcionamento do transporte público antes de dirixirse aos aeroportos.
Todos os aeroportos de Aena permaneceron operativos tras o apagamento grazas aos grupos electróxenos e a activación dos protocolos de continxencia. Puente afirma que este martes todos os aeroportos están xa conectados á rede tradicional, salvo Almería que continúa con grupos electróxenos.
Os maiores problemas rexistráronse nos accesos aos aeroportos, principalmente polas limitacións no transporte urbano e as regulacións aplicadas por Enaire, que limitou a capacidade do espazo aéreo por problemas co seu operador de telecomunicacións. Tamén se advirte de que os voos con Bruxelas poderían verse afectados hoxe por unha folga xeral en Bélxica.