Publicador de contidos

Publicador de contidos

Torrado: "A responsabilidade das contas de Santiago é da alcaldesa e non do PSOE"

Torrado: "A responsabilidade das contas de Santiago é da alcaldesa e non do PSOE"

O portavoz da Executiva socialista rexeita que o expediente aberto a catro concelleiros do PSdeG estea dilatando a aprobación dos presupostos en Compostela 

Julio Torrado durante unha comparecencia de prensa este venres Julio Torrado durante unha comparecencia de prensa este venres
G24.gal 14/02/2025 13:17

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, remarcou este venres que “gobernar” o Concello de Santiago corresponde á alcaldesa nacionalista, Goretti Sanmartín, (BNG) que é a que debe velar pola aprobación dos orzamentos, xa que esa tarefa non compete ao PSOE.

Torrado manifestouse deste xeito cuestionado pola situación de fractura no PSOE compostelán, con catro concelleiros expedientados pola dirección e que poderían ser expulsados e outros dous que se manteñen afíns á executiva local e provincial.

Esta situación está a dilatar a aprobación das contas, en tanto que o Goberno local pactou o apoio das contas municipais coa agrupación socialista antes da fractura no grupo pero, polo momento, non o fixo coa dirección do partido na cidade.

Neste sentido, Torrado rexeitou que o PSOE teña nada que ver na dilatación dos prazos e subliñou que "se en Santiago hai un equipo de goberno, non creo que a aprobación ou non dos orzamentos sexa dun partido que non goberna", dixo.

"Se se dilatan os orzamentos, non vai ser culpa do PSOE, temos a responsabilidade de moitas cousas no mundo pero desa non", espetou o portavoz do PSOE autonómico.

Ademais, lembroulle á rexedora que lle “corresponde ao Goberno de Santiago gobernar”, dado que Sanmartín “parece estar máis preocupada do que fan os demais” que da súa acción á fronte do executivo local.

Segue aberto o expediente de expulsión aberto aos catro concelleiros díscolos de Santiago

Respecto ao expediente aberto de expulsión provisional aberto aos catro concelleiros socialistas composteláns enfrontados coa dirección local, Torrado asegurou que non ten información algunha do seu estado, xa que está a ser un “proceso garantista” no que, segundo defendeu, non hai filtracións.

O proceso continúa despois de que os concelleiros alegaran contra a expulsión e ameazaran ademais con levar o caso á xustiza ao entender que a sanción que se lles pretende impoñer non corresponde cos estatutos do partido.

Non podo ter información e se a tivese sería un problema”, dixo Torrado. Ademais, o portavoz da Executiva socialista aclarou: "Non concordo coa concepción de díscolos. Creo que as persoas teñen accións, actitudes ou ideas, pero as persoas non son díscolas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade