Os edís de Santiago expulsados poderán estar no grupo socialista no vindeiro pleno
O secretario municipal entende que a medida disciplinaria non é executable ata que non sexa firme
“Están todas as vías contempladas e iremos á vía xudicial”, advirten os catro concelleiros

Os concelleiros de Santiago expulsados do Partido Socialista poderán estar no Grupo Municipal do PSOE no próximo pleno, que terá lugar o xoves 27 de febreiro e no que se abordarán os orzamentos locais, ao entender o secretario municipal que a medida disciplinaria non é executable ata que non sexa firme.
Así o confirmou en conferencia de prensa a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, que explicou que o secretario entende que, a efectos do Concello, "a expulsión producirase cando sexa definitiva".
Tras afirmar este mércores que polo momento non lle constaba comunicación oficial desa expulsión, este xoves confirmou que xa a recibiron. Ante esta situación, Sanmartín manifestou que, tal e como indicou o secretario, mentres exista posibilidade de que os edís presenten recurso, a efectos da corporación municipal, a expulsión "non é definitiva".
Polo tanto, afirmou que "se entende" que os catro edís expulsados do PSOE (Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez) poderán ocupar os seus asentos na bancada socialista o vindeiro xoves no Pleno.