Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os edís do PSOE de Santiago non acatan a expulsión e irán a pleno baixo as siglas do partido

Os edís do PSOE de Santiago non acatan a expulsión e irán a pleno baixo as siglas do partido

Os catro concelleiros da corporación local de Santiago expulsados do Grupo Municipal Socialista: “Están todas as vías contempladas e iremos á vía xudicial”

Lamentaron a postura do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co que dixeron estar “decepcionados” por manterse de perfil

O exalcalde Xosé Sánchez Bugallo advirte que a situación é de “moi difícil comprensión” e que causa “enorme frustración nos electores socialistas”

Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez (EFE/ Arxina)
G24.gal 19/02/2025 13:18 Última actualización 19/02/2025 13:48

Os catro concelleiros da corporación local de Santiago expulsados do Grupo Municipal Socialista anunciaron este mércores que recorrerán a decisión á Comisión Federal de Ética e Garantías, aínda que “se é necesario empregaremos outras vías para defender a nosa honorabilidade” entre as que está “a vía xudicial”.

“Están todas as vías contempladas e iremos á vía xudicial", subliñaron nunha conferencia de prensa conxunta os edís Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez un día despois de que a Executiva federal do partido comunicase a súa expulsión definitiva por non aceptar “os acordos adoptados polos órganos de dirección do partido que afecten as institucións”.

O partido considera que a sanción para Rosón, Castro e Álvarez está motivada pola súa negativa para nomear o portavoz municipal aprobado pola dirección local do PSOE compostelán e, no caso do concelleiro Gonzalo Muíños, pola súa insistencia en permanecer no cargo de portavoz en contra do criterio da formación.

Ademais, na decisión de expulsión de Muíños inclúese a sanción moi grave de “desempeñar cargos públicos sen a autorización expresa dos órganos competentes do partido”.

Contra esa medida, cabe un recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías nun prazo de dez días hábiles, xusto ao que apelan os concelleiros, que lembran que existe un informe técnico-xurídico elaborado pola Secretaría Xeral do Pleno da Corporación que di “claramente que non terán a condición de non adscritos os concelleiros que non foran sancionados coa expulsión firme do partido ou formación política coa que concorreron ás eleccións”.

Explicaron que son os seus asesores xurídicos os que están a analizar como recorrer esta decisión, aínda que irán seguramente á xustiza dado que a “desproporción” do castigo é “evidente” dado que casos similares ou máis graves saldáronse cunha multa ou un apercibimento pero “non cunha expulsión”.

Por tanto, os edís non acatarán a expulsión e, de feito, participarán no pleno local da próxima semana como integrantes do grupo municipal do PSOE e Muíños actuará como portavoz do grupo a pesar da súa expulsión.

“Ata maio de 2027 imos estar neste concello, dunha forma ou outra”, reiterou Muíños, que insistiu en que non cederán ás presións do partido para que marchen e fagan “oco” ao actual líder do PSOE compostelán, Aitor Bouza, que a pesar de concorrer nas listas municipais e nas autonómicas, non conseguiu acta nin como edil nin como deputado.

Os concelleiros defenderon a súa permanencia no grupo porque non comparten o expediente ao entender que non hai “ningún precedente histórico no PSOE no que se produza unha expulsión definitiva” a concelleiros por non acudir a unha reunión.

A concelleira Mila Castro lamentou que todo este proceso obedece a un “plan violento” para colocar a Bouza no concello, aínda que tras meses de “malas manobras” esgótanselles “os plans que algúns tiñan trazados desde o inicio”.“Isto non vai de cumprir normativas senón de facer oco a Aitor Bouza”, insistiu Castro, que denunciou a "brutalidade" e o "acoso" ao que foron sometidos os concelleiros electos nos comicios de 2023.

Gonzalo Muíños dirixiuse aos edís do grupo que non foron expulsados e permanecen afíns á dirección e pediulles que dean “a cara” e senten a “responder preguntas dos xornalistas e de boa parte desta cidade” que non entenden o conflito. Tamén lamentaron a postura do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co que dixeron estar “decepcionados” por manterse de perfil ante un problema destas dimensións.

Nesta liña, Mercedes Rosón evidenciou a súa preocupación polo futuro do partido xa que un caso como este fai que “cambalee o papel do PSOE en Santiago e a súa comarca, pero tamén en Galicia.

Pola súa banda, o senador socialista Xosé Sánchez Bugallo, que foi alcalde da cidade entre os anos 1998 e 2011, e posteriormente entre 2019 e 2023, denunciou unha situación que é de “moi difícil comprensión” e que causa “enorme frustración nos electores socialistas”.

A través dunha mensaxe na rede social X, Bugallo insistiu en que os movementos da dirección provincial e local do partido supoñen unha “fraude ao propio sistema democrático”.

Por último, prognostica que dentro de dous anos serán as urnas as que servirán para avaliar o sucedido, aínda que probablemente será “demasiado tarde” para o PSdeG, que corre o risco de empeorar os seus resultados na capital galega, co que se poñería en risco o goberno da Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso desde 2015. 

Sanmartín pide “altura de miras” ao PSOE para aprobar as contas municipais

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pediu "responsabilidade" e "altura de miras" ao PSOE para que poida haber presupostos na cidade a pesar dos seus conflitos internos.

En declaracións aos medios no Concello, Sanmartín reiterou que a pesar da situación do PSOE local non contempla a posibilidade de que os orzamentos da capital galega non saian adiante posto que as contas foron negociadas coa totalidade do grupo. Por iso, dixo, non contempla “a posibilidade de que salga mal" a votación no pleno de orzamentos de finais deste mes

Lembrou que as contas que se someterán á decisión do pleno son froito dunha negociación na que participaron "as seis persoas que conforman hoxe o Grupo Municipal Socialista", xa que se “tiveron en conta as súas achegas e chegouse a un acordo asinado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade