Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE comunica a expulsión definitiva dos catro edís expedientados de Santiago

O PSOE comunica a expulsión definitiva dos catro edís expedientados de Santiago

Gonzalo Muíños, Milagros Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez teñen un prazo de dez días para recorrer, e o secretario municipal deberá dirimir se a medida xa é executable

Os concelleiros non aceptan a expulsión e esgotarán as vías para recorrer

O PSdeG lembra que todos os militantes deben cumprir os estatutos

O portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, xunto ás concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez o pasado venres no Concello de Santiago-EUROPA PRESS
G24.gal 18/02/2025 12:25 Última actualización 18/02/2025 15:01

A executiva federal do Partido Socialista comunicou na mañá deste martes a expulsión definitiva dos catro edís do Concello de Santiago expedientados por desatender as ordes da dirección: Gonzalo Muíños, Milagros Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez.

En concreto, a Milagros Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez achácaselles negarse a nomear o portavoz municipal aprobado pola dirección local do partido, mentres que a Gonzalo Muíños atribúeselle o seu rexeitamento para acatar a resolución do expediente e permanecer no cargo de portavoz en contra do criterio do partido.

Agora os concelleiros teñen un prazo de dez días para recorrer ante a comisión de garantías esta resolución. Ademais, apuntaron que a dirección da formación comunicou na mañá deste martes a decisión tanto aos afectados como ao Consistorio compostelán. Agora o secretario municipal deberá dirimir se entende que a medida é xa definitiva ou se se debe esperar ata a resolución dos recursos.

O PSOE sinalou que esta decisión se enmarca no proceso interno iniciado o pasado 24 de xaneiro, cando se lles comunicou aos concelleiros a expulsión provisional. Así, indica que, finalizada a tramitación do expediente iniciado e analizadas as alegacións e as probas achegadas polas persoas expedientadas, o instrutor do procedemento propuxo a ratificación da expulsión, elevándoa a definitiva, de acordo cos estatutos federais do partido.

Ademais, precisa que as sancións polas que se motiva a expulsión enmárcanse na comisión de faltas graves e moi graves da normativa socialista, fundamentalmente "a obstrución do labor e decisións dos órganos do partido" e "actuación, por acción ou omisión, en contra de acordos adoptados polos órganos de dirección que afecten as institucións".

No caso de Gonzalo Muíños, ademais, tamén se lle inclúe a sanción moi grave de "desempeñar cargos públicos ou asimilados sen a autorización expresa dos órganos competentes do partido".

O conflito no PSOE local de Santiago estalou o día 24 de xuño de 2024, cando os seis concelleiros do grupo municipal votaron no pleno a favor dunha ordenanza sobre as vivendas turísticas en contra da decisión marcada pola dirección local, que optaba pola abstención.

Esa mesma xornada, Día de San Xoán, a executiva de Santiago convocou unha reunión para ordenar a substitución de dúas dos traballadores do grupo, a xefa de gabinete e o responsable de comunicación, uns cambios que o portavoz municipal negouse a asinar e polos que foi suspendido de militancia durante un prazo de 18 meses.

Así as cousas e tras coñecerse a suspensión da militancia a Gonzalo Muíños polo que o PSOE considerou unha "indisciplina reiterada", a dirección local acordou o nomeamento de Gumersindo Guinarte como novo portavoz do Grupo Municipal e de Marta Abal como secretaria e convocou a Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez a unha reunión para ratificar os devanditos nomeamentos.

Con todo, as tres concelleiras do PSOE de Santiago que apoian ao ata o de agora portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, defenderon que a convocatoria da reunión á que foron citadas polo edil Gumersindo Guinarte para acordar o cambio na portavocía designado pola dirección local era nula, e alegaron que non incumprían as normas.

Este feito supuxo tamén unha ruptura da unidade que ata entón había no grupo municipal, ao achegarse Gumersindo Guinarte e Marta Abal á dirección local.

O PSdeG lembra que todos os militantes deben cumprir os estatutos

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG Lara Méndez lembrou que todos os militantes do Partido Socialista deben cumprir e respectar os estatutos da formación "independentemente dos anos de militancia". "Creo que aí pouco cabe dicir máis que no PSdeG ten uns estatutos que son de obrigado cumprimento para todos os militantes, independentemente dos anos de militancia", dixo.

Lara Méndez sostivo que "o que se fixo foi actuar" con base "nas normas" que os propios socialistas propoñen e aproban nos distintos congresos, nos que a formación se dota do programa marco e das políticas que quere levar a cabo para "mellorar a vida da xente".

"De aí saen tamén estes documentos, cada catro anos, para establecer as liñas de actuación desde o PSdeG e tamén de aí sae o marco estatutario polo que nos temos que rexer todos e todas", afirmou.

Os concelleiros non aceptan a expulsión e esgotarán as vías para recorrer

Os catro concelleiros da corporación local de Santiago expulsados do Grupo Municipal Socialista dixeron que non asumen esta decisión, “tendo en conta que a resolución feita pública por parte do partido no día de hoxe non é firme”, xa que están decididos a esgotar todas as vías para recorrer.

Así o manifestaron nun comunicado conxunto Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez, despois de que a Executiva federal do partido, desde a súa sede na rúa Ferraz, comunicase a expulsión tanto aos afectados como ao Concello de Santiago.

Contra esa medida, cabe un recurso ante a Comisión Federal de Ética e Garantías nun prazo de dez días hábiles, xusto ao que apelan os concelleiros, que lembran que existe un informe técnico-xurídico elaborado pola Secretaría Xeral do Pleno da Corporación que di “claramente que non terán a condición de non adscritos os concelleiros que non fosen sancionados coa expulsión firme do partido ou formación política coa que concorreron ás eleccións”.

Tamén que unha “decisión disciplinaria non firme ou temporal dunha formación política” non pode afectar á organización dunha Administración territorial como son os concellos. “Conclúese, por tanto, que a resolución non é firme e, como consecuencia, non ten efectos organizativos no que se refire ao funcionamento normal do Concello de Santiago e do Grupo Municipal Socialista”, sosteñen na nota. Ademais, os concelleiros remarcan a súa “ideoloxía” socialista en base á que toman as decisións no marco das súas competencias como edís.

Reiteran que a fin de toda esta cuestión non é máis que a “vontade pouco democrática de modificar arbitrariamente aos representantes institucionais no Concello de Santiago de Compostela” para facilitar o acceso ao grupo municipal do actual líder do PSOE compostelán, Aitor Bouza, que a pesar de concorrer nas listas municipais e nas autonómicas, non conseguiu acta nin como edil nin como deputado.

Por todo iso, os concelleiros expulsados reiteran a súa “vontade de seguir traballando con lealdade e coherencia coa cidadanía de Santiago de Compostela”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade