Os traballadores de Alcoa cortan o tráfico na A-8 na ponte dos Santos, que une Galicia e Asturias
Os traballadores de Alcoa cortan o tráfico na A-8 na ponte dos Santos, que une Galicia e Asturias
Esixen unha maior implicación do Goberno e da Xunta e unha reunión urxente para afrontar a situación da factoría
Os traballadores de Alcoa na Mariña concentráronse este sábado en Ribadeo para trasladarse logo ata a ponte dos Santos, na A-8 que une Galicia e Asturias sobre a ría.
Aí cortaron o tráfico na autovía co Cantábrico berrando lemas polo futuro da fábrica de aluminio e críticas tanto ao Goberno central coma á Xunta, ante unha importante presenza de axentes da Garda Civil.
Os traballadores do complexo industrial de San Cibrao reclaman unha maior implicación dos executivos central e autonómico para tomar medidas que eviten o peche da factoría.
Os representantes dos traballadores aseguran que non propoñen solucións e que os levan á ruína. A Garda civil impediulles a queima de pneumáticos durante a concentración e obrigáronos a retiralos antes da protesta. A Garda Civil regulou o tráfico na zona para desviar os coches antes deste paso entre Asturias e Galicia, e os condutores podían ou ben esperar ao seu remate ou dar un rodeo duns 25 quilómetros pola Veiga.
O corte de tráfico prolongouse durante uns 20 minutos. Os traballadores de Alcoa reclaman que o Goberno convoque unha xuntanza urxente con Alcoa, coa Xunta e cos sindicatos para traballar sobre a situación da fábrica de aluminio, a única que mantén Alcoa agora en España.
Alcoa deu ata fin de ano de marxe para decidir sobre a continuidade da industria en función das axudas do Goberno e da Xunta e da flexibilidade dos operarios.
Na concentración apoiaron aos traballadores os alcaldes de Xove e de Ribadeo e a alcaldesa de Cervo. Nestes momentos Alcoa dá traballo directo a uns mil empregados, aos que se suman entre 500 e 700 das auxiliares.