Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tras o legado do cura retratista

Tras o legado do cura retratista

O teólogo Salvador Ares Espada, encargado de facer o inventario das parroquias do Arcebispado de Santiago, acabou documentando a forma de vida da Galicia dos 70

Os traballadores do Arquivo Diocesano atoparon 35.000 negativos feitos por este sacerdote e traballan para que as fotografias estean accesibles en Internet

G24.gal 20/03/2025 09:43

Xestionan os arquivos de máis de mil trescentas parroquias e están afeitos a atopar curiosidades entre toneladas de tomos manuscritos, pero para os traballadores do Arquivo Diocesano de Santiago foi unha sorpresa atopar entre ese material decenas de miles de negativos. Eran fotos feitas por un cura, Salvador Ares Espada, que fora encargado de facer o inventario das parroquias e acabou documentando a forma de vida da Galicia dos 70.

Os seis arquiveiros e conservadores da arquidiocese lembran aínda con asombro o día da descuberta: ao revisaren a documentación viron que Salvador Ares Espada, filósofo, teólogo e delegado da comisión de arte sacra, non só fixera fichas de todos os santos e enxovais das máis de 1.000 parroquias do territorio. Había ademais 35.000 fotos das que ninguén sabía.

"Entón empezamos a positivar e foi... Vaia, que nos reunimos todos ao redor do ordenador para contemplar aquilo, porque era espectacular", narrou Víctor Camino, Técnico no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago.

Consciente do cambio que ía supoñer o baleirado do rural que estaba a provocar a emigración e quizais da proximidade tamén do cambio político, Ares Espada rexistrou, sen sistematizalo, un xeito de vida que hoxe  é memoria.  

"Temos fotos dos mercados, das festas, de comidas familiares. É unha colección que consegue rexistrar o modo de vida que había en Galicia a finais dos 60 e principios dos 70", detallou Víctor Camino, técnico no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago.

Trinta e cinco mil imaxes do que fomos, fotos das que este grupo de traballadores xa lograron rexistrar e dixitalizar unhas 6.000 que agora se poden consultar na Topoteca Compostelá, referenciadas ao lugar onde foron tomadas para que sexan accesibles. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade