Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez defende a necesidade de aumentar o apoio financeiro e militar a Ucraína

Sánchez defende a necesidade de aumentar o apoio financeiro e militar a Ucraína

Francia organiza unha xuntanza de aliados cando se cumpren dous anos da invasión

Sánchez reclama un novo Fondo de Asistencia a Ucraína para soster o apoio no tempo

Macron non desbota o envío de tropas a Ucraína e propón adiantarse á axuda estadounidense

Zelenski participou cunha mensaxe gravada en que reclamou os obuses prometidos por Europa

Antón Montero 26/02/2024 20:37 Última actualización 27/02/2024 08:28

O presidente do Goberno Pedro Sánchez defendeu a necesidade de aumentar o apoio tanto financeiro como militar a Ucraína fronte a un posible avance ruso, pero preservando a unidade europea e transatlántica.    

Así o manifestou na Conferencia de Apoio a Ucraína celebrada en París, que coincide co segundo aniversario da agresión rusa a Ucraína, en que participaron unha vintena de xefes de Estado e de Goberno, na súa maioría europeos, que tamén contou coa asistencia de representantes dos Estados Unidos e do Canadá. O presidente ucraíno Volodimir Zelenski participou no cumio de xeito remoto.

Sánchez reclama un novo Fondo de Asistencia a Ucraína para soster o apoio no tempo

"A unidade foi e é a arma máis efectiva contra Putin, polo que para adoptar novas medidas estas deben nacer do consenso e debate entre todos os aliados", manifestou.    

Baixo este enfoque, o presidente subliñou a necesidade de aprobar na UE o novo Fondo de Asistencia a Ucraína, que ofrece un apoio previsible e sostido no tempo, e a urxencia de aumentar a capacidade industrial europea para cumprir co compromiso de enviar municións e equipos, ademais de axudar a Ucraína a desenvolver as súas propias capacidades.  

Cando se cumpren dous anos do inicio da agresión rusa, Sánchez puxo en valor o apoio de España a Ucraína desde o inicio do conflito, co envío de axuda humanitaria, militar e a acollida de refuxiados ucraínos, un apoio que "se manterá todo o tempo que sexa necesario ata alcanzar a paz", reiterou. 

Macron non desbota o envío de tropas a Ucraína

Os líderes europeos reunidos no Elíseo coincidiron este luns en avanzar cara a "unha economía de guerra" para axudar a Ucraína a facer fronte á invasión rusa, anunciou o presidente francés, Emmanuel Macron, que non excluíu mesmo o envío de tropas se fose necesario para lograr ese obxectivo.

"A derrota de Rusia é indispensable para a seguridade e a estabilidade de Europa", afirmou Macron nunha conferencia de prensa tras o final da reunión de máis dunha vintena de xefes de Estado e Goberno europeos.

Macron sinalou que "non hai consenso hoxe" para enviar tropas terrestres, pero advertiu que nada pode excluírse no futuro, e puxo como exemplo que hai dous anos ninguén pensaba en enviar avións de combate a Ucraína.

Foi o primeiro ministro eslovaco, o populista Robert Fico, quen puxo esta medida encima da mesa, e aínda que non recibiu o apoio maioritario converteuse na gran novidade do encontro, porque como resumiu Macron, "hai que facer todo o posible para que Rusia non gañe esta guerra".

Débeda mutualizada ao estilo covid e sancións máis eficientes

O presidente francés sinalou que no encontro se coincidiu en profundar noutras dúas medidas, unha sobre a entrega a Ucraína de mísiles de medio e longo alcance e outra relativa á emisión común de débeda da Unión Europa para financiar ese esforzo de guerra, similar á que se lanzou tras a pandemia de covid-19.

No primeiro caso, o chanceler alemán Olaf Scholz mostrouse remiso a que o seu país entregue a Kíiv mísiles Taurus, capaces de alcanzar 500 quilómetros, para evitar unha escalada no conflito, pero non se opuxo a que outros países, como Francia ou O Reino Unido, sigan enviando mísiles Scalp de menor alcance, que xa entregan a Ucraína.

Outro dos puntos en que deben efectuarse avances é en lograr que as sancións impostas a Rusia sexan máis eficientes, polo que Macron asegurou que se castigará aqueles países e empresas que axudan a Rusia a saltar os vetos ás súas exportacións e lle venden material ou tecnoloxía militar.

Zelenski reclama os obuses prometidos por Europa 

O presidente ucraíno Volodimir Zelenski queixouse nunha mensaxe gravada que foi reproducida durante o cumio de que só o 30 % dos obuses prometidos por Europa foron entregados ás súas tropas, algo que recoñeceu Macron, que prometeu buscar estas armas naqueles países que as teñan e incrementar a produción, todo iso cun calendario claro e que se poida cumprir para "dar visibilidade ás forzas armadas ucraínas".

Francia propón adiantarse á axuda estadounidense

O mandatario francés apelou a "un salto adiante" na axuda a Ucraína sen esperar a que o Congreso de Estados Unidos desconxele a axuda solicitada pola administración Biden, nin tampouco agardar o resultado das eleccións nese país de novembro próximo.

"Actualmente Europa proporciona o 30 % da axuda a Ucraína. Esta é unha guerra europea e eu creo na Europa da defensa (...) Non podemos legar a sorte desta guerra, que determina o noso futuro, ao elector estadounidense. Non esperemos a ese resultado, actuemos agora", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade