Venezuela remonta un partido da Copa América por primeira vez na historia
Gañoulle a Ecuador (1-2) que quedou con dez pola expulsión de Enner Valencia
México impúxose a Xamaica (1-0) cun gol de Arteaga
Falar de Enner Valencia no Ecuador é facelo dun mito, do máximo goleador histórico da selección. Se cadra esta é a súa última Copa América e condicionou o partido contra Venezuela ao ver o vermello directo aos vinte minutos. Malia iso os ecuatorianos refixéronse diante da ausencia do seu capitán e adiantáronse cun gol de Sarmiento xusto antes do descanso.
Historicamente Venezuela era un convidado de pedra ao evento pero que nos últimos anos medrou no eido futbolístico suramericano ata chegar mesmo a unha semifinal do torneo continental. Igualou cun gol de Jhonder Cádiz e este tanto de Eduard Bello entra nos libros do fútbol venezolano. En vinte participacións e máis de setenta partidos é a primeira vez que Venezuela remonta un partido.
México gañoulle a Xamaica (1-0)
O Grupo B ten dous equipos á fronte. Un é Venezuela. O outro México que partía como gran favorita diante de Xamaica pero á que lle custou ferro e fariña marcar o gol da vitoria. Perdeu por lesión ao seu capitán Edson Álvarez. E tivo que agardar ata o minuto setenta para marcar o único tanto do partido, un gran disparo desde fóra da área do lateral esquerdo Gerardo Arteaga.