Publicador de contidos
Publicador de contidos

O outono será "máis cálido e seco do normal" tras un verán caloroso

O outono será "máis cálido e seco do normal" tras un verán caloroso

A tempada estival sitúase como a quinta histórica no referido as altas temperaturas

Os episodios de calor concentráronse entre o 20 de xullo e o 20 de agosto

As precipitacións foron normais, polo que a auga acumulada está por riba dos niveis habituais grazas a un inverno húmido

Verán moi cálido e cun nivel normal de precipitacións
G24.gal 17/09/2024 15:31

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé en Galicia un outono "máis cálido e seco do normal" tras un verán que se sitúa no quinto lugar na serie histórica en canto a altas temperaturas.

Así o detallou este martes o delegado de Aemet en Galicia, Francisco Infante, quen avanzou que o vindeiro mércores, día 25, entrará "a primeira fronte do outono" aínda que, avisou, "non será moi activo".

A tempada outonal, que arrinca este domingo, será "máis cálida e seca do normal".

Infante analizou tamén o verán, que "foi moi cálido en Galicia e en canto a precipitacións normal".

Este é o titular do resumo climático do verán. As temperaturas superaron nun grao a media de Galicia polo que foi un verán moi cálido, segundo os datos recollidos na AEMET. Con todo non se bateu ningún récord como outros anos. As diferenzas de temperatura entre o norte e o sur foron moi notables e a percepción non foi dun gran verán.

"Moi intermitente todo, non foi un verán moi regular".

"Tamén choveu moito pero os días de calor esaxerado vamos, para estar na casa ata as sete da tarde", comentan na Coruña.

O verán arrincou moi lento. En xuño e xullo as temperaturas foron normais, pero dende o 20 de xullo todo cambiou. Por diante tivemos un mes con varios episodios de calor. A máxima rexistrada foi en Ribadavia, rozou os 42 a finais de xullo. A precipitación tamén foi moi irregular en canto á distribución xeográfica. Recolleuse un 87 % da choiva habitual.

"O máis rechamante, nas precipitacións no conxunto de Galicia no promedio, normal pero houbo uns contrastes impresionantes entre unhas zonas e outras, ademais foi moi irregular, a distribución de precipitacións foi moi, moi irregular", explica o meteorólogo.

Aínda que estes días o bo tempo acompaña, o verán é xa case historia e agora xa toca pensar no outono.

"E o outono entra este domingo ás tres menos cuarto. Segundo a previsión estacional que fixo a AEMET, serán en xeral tres meses con temperaturas máis altas do normal, mentres que as precipitacións serán un pouco inferiores ao que é habitual en Galicia", avanza Xulia Piñeiro.

E o habitual en Galicia é que outubro, novembro e decembro sexan os meses de máis choiva de todo o ano, polo que non hai risco de secas. De feito a precipitación acumulada está por riba do normal para esta época do ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar