Xa son doce as vítimas causadas pola borrasca Ciarán en Europa
Xa son doce as vítimas causadas pola borrasca Ciarán en Europa
Ata un millón de fogares quedaron se subministración eléctrica en Francia
O vento dificulta os traballos de extinción dun incendio en Valencia
Agárdase que a borrasca alcance o norte de Inglaterra e Escocia nas próximas horas
O impacto da borrasca Ciarán deixa xa 12 mortos, ademais de danos millonarios en medio continente europeo polas inundacións e o vento. Máis de medio millón de fogares en Francia atópanse sen luz e uns ventos tempestuosos avivaron un incendio forestal descontrolado en Valencia.
Este ciclón extratropical, o máis virulento dos últimos anos na Europa occidental, cobrouse o xoves as vidas de dúas persoas en Francia, dúas en Bélxica, unha en España e outra en Países Baixos. A estas sumánselle hoxe outras seis vítimas en Italia, onde tamén se reportaron cinco desaparecidos. Media ducia de países europeos levan dous días en alerta, obrigando a cancelar centos de voos, suspendendo ou modificando servizos ferroviarios e causando decenas de feridos.
En Francia ata un millón de fogares quedaron onte sen subministración eléctrica, hoxe xa van máis de 500.000, resultando especialmente afectadas as rexións de Normandía e Bretaña, onde o sistema quedou practicamente destruído. Este feito tamén se repetiu en menor escala en España e Reino Unido. Os ventos tempestuosos bateron récords de fortes refachos, derrubando árbores e danando vivendas e outras infraestruturas.
España segue en alerta vermella en toda a franxa norte e noroeste ante a previsión de fortes choivas e violentos refachos de vento. Este último provocou o crecemento dun incendio forestal declarado este xoves no municipio de Montitxelvo, na provincia de Valencia, que obrigou a desaloxar a unhas 850 persoas e que afectou xa unhas 2.000 hectáreas. O lume, do que non se sabe a súa orixe, avanza sen control con dificultades para a súa extinción, xa que non puideron acudir os servizos aéreos polos fortes ventos de ata 110 e 120 km/h.
Para a fin de semana, outra borrasca, chamada Domingos, varrerá España e Francia con vento forte e choiva.
Chegada de Ciarán a Italia
A pasada noite a borrasca descargou a súa furia no norte e centro de Italia, principalmente na rexión de Toscana. En Campi Bisenzio, municipio da rexión florentina, a situación agravouse onte á noite, onde o río se desbordou en dúas zonas, obrigando á xente a subir aos tellados das súas casas para poñerse a salvo. Hai xa seis vítimas mortais e dous desaparecidos.
Agárdase un forte aumento do río Arno nas próximas horas. O alcalde de Florencia, Dario Nardella, pediu á poboación que evitara conducir coches e saír ás rúas polo posible desbordamento do Arno, que non deixou incidencias no seu paso por Pisa.
O temporal tamén está golpeando outras zonas da costa, coma a rexión de Liguria, ou tamén os portos de Xénova. A situación obrigou ao Consello e Ministros a declarar o estado de emerxencia, cunha partida inicial de 5 millóns de euros para as primeiras intervencións.
O risco de inundacións no sur de Inglaterra continúa a ser elevado, cuxos ventos de ata 160 quilómetros por hora provocaron efectos devastadores, aínda que "se está debilitando", segundo sinalaron este venres as autoridades inglesas. Hai máis de 235 alertas emitidas en todo o país tras os estragos ocasionados na costa sur do país e nas illas da Canle.
Avance polo Reino Unido
Está previsto que o clima extremo continúe por certas áreas de Escocia e outras zonas do norte de Inglaterra ao longo do día, tras deixar onte case 150.000 fogares sen electricidade. No leste de Escocia continúa en vigor a alerta amarela polas ameazas e condicións difíciles para a condución, inundacións e atrasos ou cancelacións en servizos ferroviarios e de autobuses.