1.249 obras preséntanse á Bienal de Cartelismo Francisco Mantecón
1.249 obras preséntanse á Bienal de Cartelismo Francisco Mantecón
As ilustracións están expostas na Estación Marítima de Vigo ata o 4 de maio
Ata comezos do vindeiro mes de maio, Vigo é a capital do deseño gráfico coa exposición das obras participantes na Bienal Internacional de Cartelismo Francisco Mantecón.
Son 1.249 pezas de artistas de 64 países, o que dá idea da difusión deste certame que impulsa a adega Terras Gauda. Desde que se instituíu a bienal, en 2001, xa participaron máis de 10.000 deseñadores, convidados a despregar o seu talento arredor do mundo do viño.
As ilustracións finalistas xa están seleccionadas pero para o público aínda son un segredo. O xurado desvelará as súas preferencias o vindeiro 6 de maio, e ata entón, hai tempo para contemplar de preto na Estación Marítima de Vigo o gran número de pezas aspirantes.
Neste concurso tan internacional en que o tema é o mundo do viño, a predominancia de elementos da iconografía galega evidencia o enorme interese que moitos dos artistas participantes, chegados de 64 países do mundo, puxeron na contextualización dos seus traballos.
Ademais dos 16.000 euros en premios, o palmarés desta edición optará a deseñar a imaxe das xornadas de portas abertas das rutas dos viños que organiza Turismo de Galicia para promocionar as cinco zonas vitivinícolas do país.