Fontoira, a tipografía meca que se está a converter nun selo de identidade do Grove
Fontoira, a tipografía meca que se está a converter nun selo de identidade do Grove
O deseño está inspirado na obra de Raúl Fontoira, un mariñeiro xubilado, e foi creada por dous amigos da vila arousá
No Día das Letras Galegas imos falarlles precisamente dun tipo de letra con selo galego ou, máis ben, con estilo meco. Chámase Fontoira e está inspirada no estilo tradicional de foliar os barcos nos portos do Grove e Meloxo, obra dun mariñeiro chamado Raúl Fontoira.
Dous amigos da vila decidiron crear unha páxina web con esta tipografía para que quen queira a descargue e a empregue para estampar ou serigrafar o que desexe. Deste xeito queren contribuír a manter este sinal de identidade e patrimonio marítimo.
Nos portos do Grove e Meloxo é doado atopar aínda embarcacións que conservan os folios feitos por Raúl Fontoira, un mariñeiro xubilado que se dedicou a este oficio moitos anos. É unha tipografía moi característica ideada por el e feita totalmente á man, sen patróns.
E para que ese símbolo da cultura marítima non caese no esquecemento, Lino e Rubén, dous amigos do Grove apaixonados polo mundo da tradición mariñeira, crearon Fontoira, unha tipografía inspirada na obra do señor Raúl.
A tipografía pode descargarse desde a páxina Fontoira.gal. As aplicacións son infinitas como explica Lino, desde carteis, a camisetas ou rótulos de establecementos. Fontoira estase a converter xa nun sinal de identidade do Grove.