En Campañó piden a acción do Goberno de Pontevedra para acabar coas fochancas dunha estrada
En Campañó piden a acción do Goberno de Pontevedra para acabar coas fochancas dunha estrada
O camiño de acceso e saída do Bispo e Soutonovo ten tramos onde é imposible zafar as catro rodas das fochas
A estrada que atravesa os lugares do Bispo e Soutonovo, a sete quilómetros do centro de Pontevedra, ten tramos feitos unha sucesión de fochancas. Por aquí pasan camións de madeira e de prácticas de autoescola, o autobús escolar a calquera vehículo que chega ou marcha desta zona residencial de Campañó.
Así o denuncia veciñas e veciños: "Esta estrada enlaza coa xeral de Vilagarcía e leva anos que cada vez está peor". "Todos os días paso por aquí, onde levo case corenta anos e isto non o cambiaron nunca. Viñeron arranxar as fochancas, como veredes está en distintas cores... pero de asfaltado, nunca". "É horrible, estamos sempre a saltos cos coches e dánanse todos e resulta moi incómodo". "Está feito un desastre, pero desastre total; temos que ir esquivando todas as fochancas para poder chegar". "Leva mal moitos anos. Fixeron a rede de sumidoiros hai moitos anos e aínda non fixeron o arranxo da calzada".
É menos dun quilómetro, pero hai treitos en que é difícil que todas as rodas zafen do tropezo no foio. Pídenlle ao Goberno municipal de Pontevedra o arranxo do camiño sen máis demora. "O alcalde dixera que despois dos sumidoiros ían asfaltar. Fixérono na parte de enriba, pero aquí nunca chegaron a asfaltar", di outro veciño.
E outra, sinala que "cando se lle reclama ao alcalde di que foi pola rede de sumidoiros, pero se xa leva máis de dez anos". "Bótanlle area ás fochas, que logo acaba por toda a calzada... Isto é un desacougo", conclúe outro residente neste lugar de Campañó.
E é que as fochas van afondando e ancheando cada día máis.