Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha casa de Bembrive servía de base aos narcos relacionados coa coca comisada no Porto de Vigo

Unha casa de Bembrive servía de base aos narcos relacionados coa coca comisada no Porto de Vigo

Investigan se a cocaína comisada ten relación con outros envíos de droga en contedores

Nos últimos meses sucedéronse as operacións en España e América en que se interceptou droga que se enviaba empregando a técnica do gancho cego

Os nove detidos neste operativo contra o narcotráfico pasan a disposición xudicial

Os arrestados son cidadáns albaneses e belgas que se cre que estaban na cidade para facerse cargo da droga

G24.gal 10/01/2025 11:28 Última actualización 10/01/2025 12:48

Os nove detidos pola Policía Nacional este mércores, pola súa presunta relación cun cargamento de 1.100 quilos de cocaína localizado nun contedor no porto de Vigo, pasaron este venres á disposición do Xulgado de Instrución número 4 da cidade, que coordina esta investigación.

Os arrestados, cidadáns albaneses e belgas, chegaron sobre as 10:00 horas á Cidade da Xustiza de Vigo, en varios furgóns da Policía Nacional, e cunha grande despregadura de seguridade. De feito, é visible a presenza de máis axentes no edificio xudicial.

Vivenda en Bembrive

O seu centro de operacións estaría nunha vivenda que tiña alugada no barrio de Benbrive, segundo publica este venres o xornal Atlántico Diario, e segundo puido confirmar Televisión de Galicia a través de fontes próximas á investigación. 

De feito varias das detencións deste mércores producíronse nese lugar, a onde chegaran tempo atrás sen levantar sospeitas. Outros dos arrestos fixéronse no centro comercial Vialia en medio da sorpresa dos clientes.

O operativo realizouse no marco dunha acción de Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, na que se localizaron 1.100 quilos de cocaína nun contedor que chegou a Vigo procedente de Ecuador, a bordo do buque Cape Citius, de bandeira chipriota. O barco, unha vez inspeccionado, partiu da terminal olívica e seguiu rumbo a Málaga.

A principal hipótese é que os detidos estarían na cidade para facerse cargo da droga do contedor, no que se empregou a técnica do gancho cego, un método que usan as redes de narcotráfico para introducir estupefacientes en contedores, no medio doutra carga legal, por exemplo, froita, sen o coñecemento dos remitentes e destinatarios do contedor, nin do armador do barco.

Operacións similares anteriores

Os investigadores tratan de saber agora se este cargamento de cocaína está relacionado con algunhas aprehensións de droga anteriores.

Así, na véspera da pasada Noiteboa, a Policía Nacional de Ecuador comisou no porto de Guayaquil un cargamento de máis de 1.200 quilos de cocaína nun contedor que transportaba latas de atún, e que tiña como destino do porto de Vigo. Nunha inspección de preembarque, as autoridades localizaron no contedor 23 vultos de plástico negro, que contiñan 1.264 paquetes de cocaína.

A principios de decembro, foron localizados tamén nun contedor dun barco que chegou ao porto de Vigo, o Izmit Express, outros 500 quilos de cocaína, que se sumaron a outros 23 quilos localizados polo propio capitán nas adegas do navío un par de semanas antes. O barco procedía de Cartaxena de Indias, en Colombia.

Igualmente, o pasado mes de outubro interceptouse, no porto de Alxeciras, un contedor con 13 toneladas de cocaína no medio dun cargamento de plátanos, e que viaxou nun barco tamén procedente de Ecuador.

Meses antes, a policía localizou nunha nave de Fuenlabrada un contedor que viaxara por vía aérea con 100 quilos de cocaína, igualmente con orixe no país ecuatoriano, vinculado a unha organización formada por cidadáns albaneses, colombianos, marroquís e europeos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade