Máis de 500 persoas detidas e 460 feridas tras o Primeiro de Maio en Francia
Máis de 500 persoas detidas e 460 feridas tras o Primeiro de Maio en Francia
Graves incidentes tras as marchas contra a reforma das pensións en París, Nantes e Lión
A xornada do Primeiro de Maio en Francia converteuse nun clamor contra a reforma das pensións aprobada por Emmanuel Macron. Os sindicatos cifran en 2,3 millóns os manifestantes en toda Francia, 800.000 segundo as autoridades. En París, Nantes e Lión as marchas remataron en graves incidentes que deixaron máis de 460 persoas feridas e 500 detidas.
Era a décimo terceira xornada de mobilizacións contra a reforma das pensións e todos os sindicatos marcharon unidos, algo insólito desde hai 14 anos, para reclamar a anulación da norma sobe a idade da xubilación.
Francia está vivindo desde xaneiro as manifestacións máis multitudinarias en vinte anos. Oitocentas mil persoas saíron onte á rúa en máis de 300 manifestacións, segundo o Ministerio de Interior. Máis de dous millóns, segundo os sindicatos, que cualifican a xornada de histórica.
Incidentes
Pero o ambiente festivo das marchas derivou, unha xornada máis, en incidentes. Os máis graves, en cidades coma París, Lión, Nantes ou Toulousse, onde elementos violentos esnaquizaron escaparates, vandalizaron mobiliario urbano e queimaron vehículos.
Os bombeiros tiveron que aplicarse para lograr extinguir o lume nos baixos dun edificio da Praza da Nación, en París.
En total, 406 policías e 61 manifestantes resultaron feridos durante os altercados que se produciron nas diferentes cidades francesas, segundo o último balance do ministro do Interior, Gérald Darmanin. "Non é normal nunha república que policías, xendarmes e bombeiros sexan atacados", dixo, e instou a aprobar unha "lei antimatóns" para endurecer as sancións por estes ataques.
Nunha entrevista coa canle BFMTV, anunciou ademais a detención de 540 persoas, 305 delas en París, e atribuíu os incidentes a grupos de ultraesquerda. O mandatario cargou con forza contra o líder da esquerda radical, Jean-Luc Mélenchon, ao que recriminou que non condenase os ataques contra as forzas da orde.
Os sindicatos condenan a violencia e manteñen a presión nas rúas contra a polémica reforma das pensións aprobada por Macron. Esta mañá reuníanse para decidir a estratexia, e acordaban que a décimo cuarta xornada de protestas será o seis de xuño, dous días antes de que se debata na Asemblea unha proposición para derrogar a reforma.