Publicador de contidos
Publicador de contidos

A alcaldesa do Valadouro renuncia e apoia o candidato do PP como novo rexedor

A alcaldesa do Valadouro renuncia e apoia o candidato do PP como novo rexedor

María José Fernández Díaz, dun partido independente. dimitirá nun pleno este venres, e nun prazo de dez días elixirase a José Manuel Lamela como novo alcalde

G24.gal 10/09/2024 10:43

A alcaldesa do Valadouro (Lugo), María José Fernández Díaz, do partido Únión Democrática Independente do Val (Udival), anunciou a súa dimisión e posterior apoio ao cabeza de lista do PP, José Manuel Lamela, para que se converta no novo rexedor.

Diso informan ambas as formacións nun comunicado conxunto asinado por elas, despois da "total perda de confianza" dos concelleiros do PSOE que apoiaran a Fernández Díaz para facerse co bastón de mando a pesar de ser o grupo municipal con menos votos nas eleccións de maio de 2023.

En concreto, Udival obtivo unha acta, mentres que o PSOE e o BNG se fixeran con dúas cada un e votaron a candidata independente no pleno de investidura. O PP fora primeira forza con catro concelleiros, a un da maioría absoluta.

No comunicado deste martes, a alcaldesa avanza a súa dimisión, que se formalizará nun pleno este venres, 13 de setembro, pero coa intención de "manter a acta de concelleira electa e de permanecer na Corporación Municipal ata final do actual mandato".

Ademais, Fernández Díaz cesou os edís socialistas e nacionalistas que a acompañaban no goberno local, á vez que levantou a Lamela en primeiro tenente de alcalde antes de que se celebre o pleno que o investirá como novo rexedor, para o que contará co apoio de Udival. Isto ocorrerá nun prazo máximo de dez días desde a dimisión da alcaldesa, que será este venres.

Lamela xa tivo o bastón de mando entre 2011 e 2013, ano en que saíu adiante unha moción de censura apoiada, precisamente, por PSOE, BNG e Udival.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos