Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno avanza unha reposta "serena pero firme" a Alxeria por conxelar o comercio con España

O Goberno avanza unha reposta "serena pero firme" a Alxeria por conxelar o comercio con España

Desde hoxe, as contas bancarias daquel país están bloqueadas para operacións comerciais con España

O Executivo central confía no mantemento da subministración de gas

G24.gal 09/06/2022 08:58 Última actualización 09/06/2022 15:13

A Asociación Profesional de Bancos e Entidades Financeiras anunciou este mércores á última hora da noite a conxelación das domiciliacións bancarias para operacións de comercio exterior de produtos desde e cara a España a partir deste xoves 9 de xuño, segundo informa Tout sur l' Algérie.

A circular non establece ningún tipo de excepción para o tema das transaccións e, por tanto, abre o radio de afectación a toda clase de sectores, incluído o da enerxía. Esta asociación encárgase de trasladar as notificacións aos bancos e actúa de intermediaria recibindo as ordes do Ministerio de Finanzas alxeriano.

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación José Manuel Albares asegurou este luns que o Goberno de Alxeria deu "garantías ao máximo nivel" como socio e subministrador "fiable", en materias como a migración ou o gas, despois de que o país magrebí suspendese o seu tratado de amizade con España polo seu "inxustificable" xiro sobre o Sáhara Occidental.

"O Goberno alxeriano é moi coñecido por ser un socio fiable, un subministrador fiable. Déronse garantías ao máximo nivel e nada indica que vaia ser doutra maneira", respondeu o ministro en declaracións aos medios antes de clausurar a primeira xornada do III Foro Internacional Expansión en Alcalá de Henares.

Alxeria anunciou a suspensión do Tratado de Amizade con España horas despois do debate celebrado no Congreso dos Deputados en que o presidente do Goberno Pedro Sánchez tiña que falar sobre as consecuencias que o seu xiro respecto ao Sáhara xerou nas súas relacións con Alxeria.

Durante a súa intervención, Sánchez omitiu calquera referencia a Alxeria, país que pola tarde daba un paso máis na ruptura de relacións con España. O presidente de Alxeria Abdelmayid Tebune explicou que a suspensión "inmediata" do tratado de amizade subscrito con España hai case dúas décadas é resposta polo seu "inxustificable" apoio ao plan de autonomía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental.

As autoridades alxerianas recriminan ás españolas a campaña emprendida para tratar de argumentar un xiro político que, segundo esgrimiron, supón unha "violación das obrigacións xurídica, moral e política" da que segue sendo "potencia administradora" do Sáhara Occidental.

O Tratado de Amizade, Boa Veciñanza e Cooperación, subscrito en 2002, "ata o de agora rexía o desenvolvemento das relacións entre os dous países", como lembrou a Presidencia alxeriana, que desta forma dá un paso máis nunhas críticas que xa a levaron en marzo a chamar a consultas o embaixador en Madrid.

Albares avanza resposta "serena pero firme"

O ministro de Asuntos Exteriores José Manuel Albares informou este xoves de que o Goberno está a analizar as consecuencias da decisión de Alxeria de conxelar o comercio exterior con España e dará unha resposta "serena, construtiva, pero firme" en favor dos intereses españois.

O ministro reiterou o desexo do Goberno de ter as mellores relacións con Alxeria e a súa adhesión a todo o contido do Tratado de Amizade bilateral, que lembrou que recolle a igualdade soberana dos Estados e a non inxerencia en asuntos internos.

Ao exporlle se a conxelación do comercio pode afectar a subministración de gas por parte de Alxeria a España, insistiu en que se está estudando que supón na práctica, pero subliñou que ese fluxo gasístico "non ten nestes momentos ningún inconveniente".

"O que nos trasladan as compañías gasísticas é que non hai ningunha dificultade con respecto a esta medida para que isto siga sendo así", engadiu.

Albares lembrou as palabras do presidente de Alxeria  Abdelmadijd Tebboune, coas que o pasado 24 de abril garantiu a subministración de gas a España.

O ministro non quixo desvelar se houbo contactos diplomáticos entre España e Alxeria tras coñecer a decisión deste país e apelou á discreción. 

Montero asegura que non ve "ningún risco" de que Alxeria incumpra os seus contratos

A ministra de Facenda María Jesús Montero asegurou este xoves que non ve "ningún risco" de que Alxeria incumpra os seus contratos de subministración, enerxética ou doutros produtos, aínda que recoñece que se activaron "todas as alertas" para tentar restablecer a relación co país.

Nunha entrevista en Telecinco despois de que Alxeria decidise conxelar as relacións comerciais con España, Montero afirmou que "a subministración de bens que veñan deste país está suxeita a contratos de medio prazo" que ata o de agora sempre se cumpriron e de momento non hai ningún dato que apunte a que non vai seguir sendo así.

Recoñeceu que as relacións diplomáticas "sempre son complicadas" e que o Goberno traballa para restablecer as relacións con Alxeria e que "esta situación" non afecte os negocios entre ambos os países.

Os expertos din que as consecuencias deste xiro para a economía española son imprevisibles. E cren que acabará afectando o gas.

Hai un ano España recibía de Alxeria a maioría do gas. Desde o xiro do Goberno nas relacións con Marrocos, Alxeria optou por Italia como principal cliente e agora o noso principal subministrador é Estados Unidos. Con todo, seguimos comprándolle o 23 por cento do gas. Fóra deste mercado, os intercambios comerciais entre ambos países quedan conxelados. Preocupan as empresas alxerianas que teñen vinculación con España, expostas agora ao fracaso económico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade