Publicador de contidos

Publicador de contidos

Milei converte en sociedade anónima o Banco da Nación Arxentina

Milei converte en sociedade anónima o Banco da Nación Arxentina

O Estado arxentino controlará o accionariado, cunha participación do 99,9 %, e a Fundación Banco da Nación Arxentina, queda co 0,1 % do capital social

Milei optou por esta fórmula ante a oposición frontal do Parlamento a privatizalo

 

Arquivo / Reuters / Pilar Olivares Arquivo / Reuters / Pilar Olivares
G24.gal 20/02/2025 08:31

O presidente da Arxentina Javier Milei asinou un decreto para converter nunha sociedade anónima o estatal Banco Nación, a maior entidade financeira do país, con vistas a abrir o seu capital a investidores.

No decreto, publicado nos primeiros minutos deste xoves no Boletín Oficial, establécese que os accionistas da nova sociedade anónima son o Estado arxentino, cunha participación do 99,9 %, e a Fundación Banco da Nación Arxentina, coa titularidade do 0,1 % restante do capital social.

O Estado exercerá os seus dereitos na nova sociedade a través do Ministerio de Economía.

Segundo o decreto, o capital social da sociedade anónima foi fixado en 1,6 billóns de pesos arxentinos (1.485 millóns de dólares ao cambio actual).

O Goberno de Milei incluíra o ano pasado o Banco Nación na lista de empresas que pretendía privatizar, pero tivo que excluílo dese lote pola forte oposición que atopou no Parlamento.

A súa estratexia, entón, encamiñouse a converter o maior banco de Arxentina nunha sociedade anónima.

Unha transformación "imprescindible" para aumentar os préstamos a familias e pemes

O pasado 27 de xaneiro, a propia entidade financeira adiantou nun comunicado que a súa transformación nunha sociedade anónima era "imprescindible" para que o banco continuase "aumentando os préstamos a favor das pemes e as familias".

"Para soster ese crecemento, a institución necesitará ampliar o seu financiamento, o que poderá facer abrindo o seu capital, para o que é esencial que se converta en sociedade anónima e teña a aprobación do Congreso", sinalaba aquel comunicado.

Segundo datos da entidade, o Banco Nación ten activos por uns 48 billóns de pesos, depósitos e outras obrigacións por 33 billóns de pesos e un patrimonio neto de 15 billóns de pesos.

A súa carteira de préstamos ascendía a inicios deste ano a 15 billóns de pesos.

O banco conta con 17.403 traballadores, 721 sucursais na Arxentina e catro no exterior: Nova York, Madrid, Montevideo e Santa Cruz de la Sierra (Bolivia).

Ademais, ten axencias e representacións en diversas cidades dos Estados Unidos, Brasil, Paraguai e A China.

O Banco Nación lidera o ránking das entidades financeiras que operan no país tanto por patrimonio como por activos, préstamos e depósitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade