Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca Nelson deixa centos de incidencias por neve, chuvia e vento

A borrasca Nelson deixa centos de incidencias por neve, chuvia e vento

Este domingo houbo dez comunidades autónomas con aviso amarelo 

En Menorca unha persoa faleceu e outras seis foron rescatadas despois de envorcar a embarcación en que navegaban

G24.gal 31/03/2024 21:09 Última actualización 31/03/2024 21:38

Comezou con mal tempo e con mal tempo se despide a Semana Santa. A borrasca Nelson vai remitindo, pero a chuvia intensa, o forte vento e a neve en zonas altas deixan este domingo dez comunidades autónomas con aviso amarelo. 

Andalucía, Murcia, Aragón e as Baleares levan a peor parte.

En Menorca, unha persoa faleceu e outras seis foron rescatadas con signos de hipotermia despois de envorcar a embarcación en que navegaban.

O temporal no mar está a deixar tamén estragos materiais en zonas costeiras de Xirona. 

En Andalucía, as inundacións e as enchentes dos ríos deixan imaxes impresionantes. O temporal provocou nesa comunidade autónoma máis de 120 incidencias nesta xornada, sobre todo inundacións parciais de vivendas, locais e garaxes e acumulación de balsas de auga en estradas.

Na provincia de Xaén seguen pendentes do Guadalquivir, en Granada as nevaradas deixaron atrapadas varias persoas nos seus vehículos. E con tanta chuvia, unha boa noticia para a marisma de Doñana: énchense de auga zonas que estaban moi secas.

A cota de neve situouse este domingo entre os 1.000 e os 1.200 metros e dificultou a circulación por unha trintena de vías.

Segundo a AEMET, o luns será xa un día moito máis tranquilo e sen avisos meteorolóxicos previstos, agás en Galicia.   

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade