A Casa Branca planea unha reunión con Ucraína en Arabia Saudita para un cesamento do fogo
Zelenski agarda que na xuntanza, que se vai celebrar a vindeira semana, poida haber avances significativos
.png)
O enviado especial de Estados Unidos para Oriente Medio, Steve Witkoff, avanzou este xoves que o Goberno do presidente Donald Trump planea celebrar unha reunión con Ucraína en Arabia Saudita a semana próxima para lograr un cesamento do fogo.
"Estamos en conversacións para coordinar unha reunión cos ucraínos en Riad ou mesmo en Yeda. A cidade non está asegurada, pero será en Arabia Saudita, e creo que a idea é establecer un marco para un acordo de paz e tamén un cesamento do fogo inicial", dixo Witkoff antes os medios desde a Casa Branca.
Witkoff está implicado nas conversacións entre Kíiv e Moscova e chegou a viaxar a Rusia para reunirse co seu mandatario, Vladimir Putin.
O enviado especial confiou en que o encontro será "unha boa reunión" e tamén un "bo sinal para os rusos, porque eles tamén foron proactivos, en querer facer algo respecto diso".
Ademais, asegurou que Trump viu como "un primeiro paso moi positivo" a carta que lle enviou o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, na que se dicía disposto a negociar a paz con Rusia e a asinar o acordo sobre minerais con EUA despois de que se vise frustrado tras un enfrontamento entre ambos os dirixentes.
"Había unha desculpa, había un recoñecemento de que os Estados Unidos fixo moito polo país de Ucraína, e un sentimento de gratitude. Creo que iso é o máis importante", apuntou sobre a mensaxe.
Ao preguntarlle pola posibilidade de que o mandatario decida retomar o envío de axuda militar, que paralizou de inmediato a subministración de armas e munición valorado en máis de 1.000 millóns de dólares e, o intercambio de intelixencia con Ucraína, que tamén parou, Witkoff sinalou: "Esas son decisións do presidente".
Segundo a cadea Fox, a delegación estadounidense estará composta polo secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio, o asesor de Seguridade Nacional da Casa Branca, Mike Waltz, e o propio Witkoff. Con todo, Witkoff non confirmou os nomes de quen formará a delegación estadounidense.
Zelenski, pola súa banda, afirmou durante un discurso ante o Consello Europeo que espera que a de Arabia Saudita sexa unha reunión "significativa".