Publicador de contidos
Publicador de contidos

A CE propón vetar o petróleo ruso con excepcións para Hungría e Eslovaquia

A CE propón vetar o petróleo ruso con excepcións para Hungría e Eslovaquia

O veto do petróleo forma parte do sexto paquete de sancións de Europa a Rusia

Bruxelas tamén propón suspender as emisións na UE doutras tres televisións rusas

Bruxelas propón excluír de SWIFT a Sberbank, o maior banco ruso

G24.gal 04/05/2022 09:19 Última actualización 04/05/2022 10:09

A Comisión Europea (CE) propón un sexto paquete de sancións contra Rusia que inclúe por primeira vez un veto ás compras de petróleo ruso, aínda que prevé que se aplique de maneira progresiva e con excepcións para Hungría e Eslovaquia.

"Propoñemos unha prohibición do petróleo ruso. Será unha prohibición total de importación de todo o petróleo ruso, por mar e por oleoduto, cru e refinado", dixo a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen.

A presidenta da Comisión Europea pronunciou estas palabras esta mañá nun discurso perante o pleno do Parlamento Europeo, reunido en Estrasburgo.

Á falta de que a Comisión publique os detalles da proposta de sancións, que deben ser aprobadas por unanimidade polos vinte e sete estados membros da Unión Europea, fontes europeas do Executivo indicaron que Hungría e Eslovaquia, que non teñen saída ao mar e son totalmente dependentes do cru ruso, poderían dispoñer de máis tempo antes de aplicar o veto ao petróleo ruso.

"Prohibimos tres cadeas rusas propiedade do Estado nas nosas ondas"

Neste paquete de medidas estaría incluído, dixo Von der Leyen,  a emisión en Europa doutras tres cadeas públicas de televisión rusas:

"Prohibimos tres cadeas rusas propiedade do Estado nas nosas ondas. Non se lles permitirá distribuír o seu contido en Europa, sexa en cable, por satélite, en Internet ou aplicacións do móbil".

No discurso perante o Parlamento Europeo, Von der Leyen explicou que Bruxelas identificou estas tres canles, que non nomeou, como "altofalantes que amplifican as mentiras de Putin e a súa propaganda de forma agresiva".

A Unión Europea xa suspendeu o pasado 2 de marzo as actividades de radiodifusión dos medios favorables ao Kremlin Sputnik e Russia Today "ata que se poña fin á agresión a Ucraína e ata que a Federación de Rusia e os seus medios asociados deixen de levar a cabo accións de desinformación".

"Imos desconectar de SWIFT a Sberbank, o maior banco de Rusia"

Outras das medidas que inclúe o paquete de Bruxelas é a de excluír de SWIFT a Sberbank, o maior banco ruso.

A Comisión Europea propuxo este mércores desconectar do sistema de mensaxería financeira SWIFT a entidade rusa Sberbank, a máis importante do país, e outros dous bancos como parte das súas novas sancións contra Moscova pola guerra en Ucraína.

"Imos desconectar de SWIFT a Sberbank, o maior banco de Rusia, que representa preto do 37 % de todo o sistema financeiro ruso, e outros dous bancos importantes. Así, golpeamos bancos que son críticos para o sistema financeiro ruso e a capacidade de Putin para emprender a súa destrución", explicou.

Defendeu Von der Leyen que, con este paso, a UE profundará no "illamento" das entidades bancarias rusas, que foron golpeadas polas sancións europeas desde o segundo paquete, cando sete bancos foron excluídos de SWIFT.

A CE propón sancionar os responsables dos masacres de Buha y Mariupol

Von der Leyen tamén propuxo este mércores sancionar as persoas e entidades responsables ou implicadas de calquera forma nos masacres documentados de civís en localidades próximas a Kíiv como Bucha ou na costa de Mariupol, practicamente devastada polos ataques rusos.

"Sancionaremos oficiais militares de alto rango e outras persoas que cometeron crimes de guerra en Bucha e que son responsables do asedio inhumano á cidade de Mariupol".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade