Ourense, dende onde Naturgy controla todas as centrais e presas de España
Ourense, dende onde Naturgy controla todas as centrais e presas de España
Controlan as 24 horas dos 365 días do ano que estean operativas e en perfecto estado
A metade da enerxía hidráulica que produce a empresa no país procede desta provincia
Ourense é a provincia española que máis enerxía hidroeléctrica produce. E é precisamente dende aí, nunha localización que por seguridade non se pode desvelar, onde Naturgy ten o seu centro de control de hidráulicas, en que xestionan e supervisan todas as instalacións do Estado. Nós puidemos entrar e coñecer como funciona.
Pilar Luque, responsable de xeración hidráulica en Naturgy, guíanos nas instalacións: "Estamos no centro de control hidráulico que ten Naturgy situado en Ourense e dende aquí xestionan, supervisan e operan todas as nosas instalacións; 48 centrais hidráulicas e 24 presas".
Controlan as 24 horas dos 365 días do ano que estean operativas e en perfecto estado.
"Se necesitamos arrancar un grupo, arráncase; se necesitamos parar en función da demanda do sistema eléctrico nacional, facémolo, e as centrais teñen que estar operativas, e por outro lado xestionamos a vixilancia da seguridade das infraestruturas", relata Rosana Suárez, a responsable do Centro de Control de Hidráulicas.
A central de Velle, ao igual que todas as de Naturgy, están totalmente automatizadas e mesmo abrir e pechar comportas faise dende o centro de control integrado de Ourense.
Pilar Luque explica que as comportas "son de aliviadoiro teñen a misión de regular o nivel do encoro de xeito que sempre se garanta a seguridade da presa. Aínda que podemos monitorizalo todo en remoto a manobra acompáñase de persoas en campo para ver que todo vai ben".
Tamén se bombea en remoto o corazón da presa, as turbinas.
"Aquí recíbese a auga que se capta no encoro e que despois se devolve ao río e que nos permite producir unha enerxía limpa medioambientalmente sostible e que a longo prazo pode achegar un grande recurso non son para esta zona se non para o conxunto da sociedade" conta a responsable de xeración hidraúlica de Naturgy para todo o Estado.
A metade da enerxía hidráulica que produce Naturgy en España procede da provincia de Ourense.