Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno amplía descontos na AP-9 con rebaixas para usuarios recorrentes e vehículos pesados

O Goberno amplía descontos na AP-9 con rebaixas para usuarios recorrentes e vehículos pesados

A partir do 1 de xaneiro o desconto para os vehículos pesados pasará do 20 ao 50 %, e no caso daqueles usuarios que fagan máis 20 viaxes ao mes vanse beneficiar dun desconto do 50 %

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, proclama que Puente "cumpre" e o BNG reivindica o pacto de investidura

G24.gal 28/11/2024 12:03 Última actualización 28/11/2024 13:18

O Consello de Ministros celebrado este martes aprobou os descontos para usuarios da AP-9 de cara ao próximo ano 2025.

Amais de renovarse os xa existentes, a novidade máis importante é que se amplían os descontos para vehículos pesados, que pasan do 20 % ata o 50 %, independentemente do sistema de pagamento, e tamén para os usuarios recorrentes, que pasarán a pagar a metade se realizan máis de vinte viaxes ao mes, sempre e cando paguen con telepeaxe.

A partida para estes descontos amplíase ata os 81,6 millóns de euros. Segundo asegurou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que foi que informou sobre a decisión do Executivo, "miles de galegos vanse beneficiar destes descontos".

"O Goberno eleva así as axudas para financiar todos os descontos na AP-9 durante o ano 2025. Unha vez máis, o ministro Óscar Puente cumpre con Galicia", aseverou o delegado.

Pola súa banda, o BNG sinalou que esta aprobación "obedece ao paso previo ao cumprimento dun dos puntos do acordo de investidura conseguido polo BNG para as novas bonificacións da AP-9".

Nesta liña, o deputado Néstor Rego destacou o traballo realizado polos nacionalistas e incidiu en que o feito de que os usuarios desta autoestrada "estean máis preto de conseguir novos descontos demostra que co BNG, Galicia gaña".

Por outra banda, os deputados provinciais do PP de Pontevedra rexistraron unha moción na que solicitan ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que proceda á "conxelación" das tarifas de peaxe da AP-9 a partir do 1 de xaneiro de 2025.

As novas bonificacións irán acompañadas da suba das tarifas prevista para o 2025, que podería superar o 4%. É o que resulta de trasladar o IPC máis un 1% adicional comprometido polas obras de Rande e de circunvalación de Santiago. E quedaría aínda unha parte da suba correspondente ao 2023 e que se adiou en dous anos dentro paquete de medidas contra a inflación

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade