Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Arousa retoma a campaña da vieira con boas sensacións pola calidade e non tan boas pola cantidade

A Arousa retoma a campaña da vieira con boas sensacións pola calidade e non tan boas pola cantidade

O próximo luns, xa ás portas do Nadal, as lanchas volverán á ría para apañar este marisco

As primeiras mostraxes prevén unha campaña de menos capturas, pero con boas medidas

G24.gal 28/11/2024 14:16

Coa recta final de novembro chegaron as mostraxes á ría de Arousa para unha moi agardada campaña da vieira. Agardada polas datas que se aproximan, porén, con resultados non tan satisfactorios como esperaban. 

José Carlos Mariño, biólogo da confraría de Cambados, di que "comprobamos na zona 4, que é a zona principal que está fronte a Cambados que hai un descenso significativo con respecto doutros anos, fixemos 6 lances dentro da mesma área e saíu menos cantidade da comercial".

As estimacións falan de que extraerán entre 50 e 70 toneladas de vieira. En canto á calidade as mostraxes son moi positivas. Di Mariño que "a calidade é moi boa en canto á talla, que son similares a anos anteriores e desde o punto de vista comestible o índice de condición está arredor do 49 % que é máis alto que os anos anteriores ".

En canto aos prezos son un chisco superiores a outros anos, vaise comprar a 6,25 euros o quilo. Á espera de coñecer os resultados, previsiblemente bos, da biotoxina e despois de que frustrara a campaña na ría de Ferrol, da confraría de Cambados sairán o luns á vieira uns 40 barcos.

Agardan cubrir a cota establecida en 3.000 quilos diarios. Ao día seguinte haberá nos mercados e, se se quere nas mesas, vieira fresca da ría de Arousa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar