Levan mercadoría e ocasionan estragos por valor de 30.000 euros nun comercio da Estrada
Levan mercadoría e ocasionan estragos por valor de 30.000 euros nun comercio da Estrada
Os ladróns fixeron un furado na parede lateral para entrar no supermercado de Castrovite, na parroquia de Orazo
A maneira en que se produciu o roubo nunha nave comercial situada ao pé da nacional 525 no lugar de Castrovite, A Estrada, leva a pensar que os autores tiñan ben estudado o asalto.
Contra as doce da noite do martes entraron cun coche polo terreo que linda coa fachada lateral. Rebentaron a porta do cuarto da caldeira e abriron un furado na parede do supermercado.
Un home entrou reptando para eludir sensores de alarma e videovixilancia e arramplou con todo o tabaco do estanco, os boletos da once, e outra mercadoría, entre ela todas as máquinas de afeitar de máis valor.
A acción, que durou sobre unha hora, completárona rebentando a reixa da ventá da planta alta para roubar máis mercancía. Sospeitan que arrincaron o enreixado da fiestra tirando con cable enganchado ao vehículo.
Este comercio, aberto en 1992, foi obxecto doutros roubos e mesmo un atraco en pleno día hai cinco anos.
No do martes os ladróns deixáronlle ao propietario un desfalco de 30.000 euros e unha xornada, a de onte, sen vendas por peche obrigado.