Rouban un desfibrilador instalado ao aire libre e estragan outro en varios puntos de Lugo
Rouban un desfibrilador instalado ao aire libre e estragan outro en varios puntos de Lugo
Posto que os aparellos salvan vidas, dende o Concello fan un chamamento ao civismo
Os desfibriladores instalados en espazos públicos na cidade de Lugo seguen no punto de mira dos vándalos. O que se encontra na céntrica praza de Avilés, xunto ao parque de Rosalía, foi subtraído.
Posteriormente, puido atoparse nun descampado grazas a un dispositivo de xeolocalización que leva incorporado e que se activa de forma automática.
Jacobo Ginzo, responsable de emerxencias da Cruz Vermella en Lugo: "En caso de que se abra a tulipa do soporte, saltaríalle unha alarma á central. E os equipos están todos xeolocalizados, co cal é fácil saber onde está a incidencia e actuar".
Outro dos aparellos, situado no barrio do Sagrado Corazón, apareceu estragado debido a un acto vandálico, algo que non é a primeira vez que acontece dende que fora instalado.
Posto que se trata de dispositivos que poden salvar vidas en caso de infarto, dende o Concello fan un chamamento ao civismo por parte da cidadanía. Ademais, cada un deles ten un custo duns 1.300 euros para o erario público.
Jacobo Ginzo, responsable de emerxencias da Cruz Vermella en Lugo: "Son moi importantes posto que poden reverter unha parada cardiorrespiratoria case ao momento. Usado cunha masaxe cardíaca, eleva ata o 90 por cento as posibilidades de supervivencia".
Entre os situados ao aire libre e en edificios públicos, en Lugo hai en total 67 desfibriladores instalados. É, polo tanto, a cidade máis cardioprotexida do país e triplica a media estatal.