Investigan a autoría dunha decena de asaltos nunha semana en Taboada e Monterroso
Investigan a autoría dunha decena de asaltos nunha semana en Taboada e Monterroso
O negocio peor parado foi o mesón taboadense de Baiuca, con miles de euros en danos
Ademais de roubar en negocios, tamén entraron en vivendas ou na igrexa de Bidouredo
Así quedou o mesón de Baiuca, en Taboada, despois de que fose asaltado pola noite. Para entraren roubar, os ladróns bateron cun vehículo contra a entrada do negocio. Na manobra tiraron parte dun valo de pedra, polo que provocaron danos valorados en miles de euros.
De feito, a contía dos arranxos pode ser aínda maior que o valor do subtraído, posto que levaron un televisor, o tabaco da máquina, 25 décimos de lotería e os cartos da caixa.
Ana Fente, hostaleira: "Tiraron todo polo chan, levaron a televisión e os cartos. Aínda estamos desgustados. Traballamos para nada. Se teñen fame, que pidan un bocadillo, pero que non fagan isto".
Foi o máis grave dunha serie de asaltos denunciados na zona no transcurso dunha semana. A escasos quilómetros, entraron no campo de fútbol de Monterroso, forzaron as pechaduras e roubaron outro televisor.
Brandán Martínez, directivo da Sociedade Deportiva Monterroso: "Entendemos que saltaron e logo forzaron unha das portas cunha pata de cabra e á outra rebentáronlle o 'bombín'. Despois saltaron pola barra, remexeron todo e botamos en falta unha televisión".
Na mesma vila, entraron roubar nunha panadería, de onde levaron a recadación da xornada. A isto hai que sumar asaltos noutros negocios, en vivendas e mesmo nunha igrexa. En total, denunciáronse unha decena de roubos, que están a ser investigados pola Garda Civil.