Salva a vida despois de caer ao mar co coche na ponte das Pías
Salva a vida despois de caer ao mar co coche na ponte das Pías
Logrou abandonar o vehículo e chegar a terra nadando
O condutor, un taxista, di que o coche acelerou só
Moita sorte o que lle pasou a un taxista de Ferrol que caeu ao mar no seu coche na ponte das Pías. O home conseguiu saír do vehículo polos seus propios medios e poñerse a salvo nadando.
Chovía moito. O condutor, un taxista, perdeu o control do coche, bateu contra un farol e saíu disparado contra a varanda da ponte das Pías, caendo na ría. Conseguiu saír e chegar a nado a terra firme. Un tipo de accidentes que adoita ter tráxicas consecuencias.
Manuel Antonio Veiga, da Cruz Vermella de Lugo, di que o principal é manter a calma. "É complicado, pero se sabemos o que hai que facer. será moito máis fácil".
O primeiro é deixar o cinto ata que poidamos saír. Despois tentar abrir a ventá. Se non vai, aconsellan levar un pequeno martelo para romper o cristal. E se aínda así non se pode só queda ter moito sangue frío.
"No caso que non teñamos martelo e non consigamos baixar a venta debemos facer un exercicio de relax e agardar a que o coche se encha de auga porque é imposible abrir a porta coa presión que a auga exerce contra o vehículo", comenta Manuel Antonio Veiga.
Coller aire e nadar ata a superficie. Este home logrouno e foi rescatado polos servizos de emerxencias con signos de hipotermia, iso si.
O condutor dixo que o vehículo, un eléctrico automático, se acelerou só e que non puido facer nada por controlalo. José Ramón López Armesto, xerente de Nissan en Lugo, di que eles non saben de ningún caso de este tipos, aínda que tódolos coches poden sufrir avarías. O que si que é máis frecuente é que a xente algunha vez se confunda coas marchas, "pero son sempre pequenos golpes".
O taxista accidentado levaba máis dun ano co vehículo.