A marea vermella pecha catro novos polígonos bateeiros
A marea vermella pecha catro novos polígonos bateeiros
Deste xeito, xa son 32 os polígonos pechados nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Un episodio habitual provocado pola toxina coñecida como diarreica
No peirao de Vilaxoán, en Vilagarcía, moi poucos bateeiros puideron saír ao mar. Os poucos afortunados facían a descarga, pero outros quedaban en terra e preparábanse para desdobrar ou preparar cordas.
"O sector está un pouco acostumado a este tipo de situacións, non é algo novo. O que para un pouco é a venda, limítanos moito porque hai moitísimas zonas, practicamente está todo pechado".
Son as verbas de José Oliveira, un bateeiro que este mércores quedou en terra. Moi preto deste peirao, no Intecmar, nestes laboratorios do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia, realizan as mostraxes diarias que permiten a apertura ou peche dos polígonos bateeiros. Este mércores súmanse ao peche catro novos por estaren afectados da toxina lipofílica, dous en Vigo e dous en Arousa. José Molares, subdirector de Intecmar.
"Seguiremos o episodio analizando máis mexillóns coa intención de ver a onde chega esa marea e cando se poden reabrir".
Dos 52 polígonos galegos, máis de metade, é dicir, 32, están pechados. A maior parte dos afectados está na ría de Pontevedra. As de Muros e Noia, e Betanzos e Ares continúan abertos. José Molares asegura que é algo normal.
"Este é un episodio normal nesta época do ano xa que estamos no outono pero é certo que vimos dun verán un pouquiño menos afectado que outros anos".
"O máis importante da situación é que hai controis e que o que chega ao mercado está en óptimas condicións de salubridade e iso é o fundamental sempre".
Un episodio habitual, para o subdirector do Intecmar e para os propios bateeiros, no que non se pode predicir a curto prazo cando chegará a ansiada normalidade.